Logo de denunciarmos o total desamparo dos veciños/as afectados por ataques de lobo, volvemos tomar a iniciativa diante doutra das problemáticas máis estendidas nas parroquias, isto é: a derivada da explosión demográfica do xabaril.
Neste senso, e a través dunha moción de urxencia, vimos de rexistrar unha batería de medidas – a debater no vindeiro Pleno Ordinario de Novembro – que teñen por obxecto obrigar ao Alcalde a moverse a fin de reclamar da Xunta a posta en marcha dun plan de control do porco bravo, así como a inmediata apertura dunha liña de axudas polos danos ocasionados diante dos numerosos ataques nos nosos cultivos.
A este respecto, dende Vilalba Aberta contextualizamos a urxencia do seu debate, nas continuadas denuncias veciñais e nas cada vez máis frecuentes demandas dos gandeiros e agricultores das parroquias diante da explosión demográfica dunha especie que, se ben antes non supuña un problema, agora, cun monte abandonado e cunha superficie forestal pouco ou nada diversificada, está a supor unha ameaza de primeira orde para a nosa actividade agrícola e gandeira.
Na mesma liña, criticamos que a administración teime na presión cinexética como único método para controlar a poboación do xabaril, pois os datos están a evidenciar que as especies que soportan unha maior mortalidade tenden a aumentar a súa reprodución.
Unha análise, na que profundaba hoxe o noso voceiro na corporación, o compañeiro Modesto Renda, lembrando que “diante da presión cinexética constante, o xabaril busca refuxio en zonas próximas ás casas e vías de comunicación, o que incrementa os ataques cerca das vivendase os continuados accidentes de tráfico nas nosas estradas.”
Neste senso, e ao tempo que criticou a “parálise máis absoluta” dun Alcalde ao que definiu de “estatua”, cualificou de “estéril” a política da Xunta argumentando que, “diante da morte de 15.000 xabarís ao ano fronte aos apenas 5.000 de hai unha década, a poboación do porco bravo non só non decrece, senón que aumenta a pasos axigantados.”
Para a nosa asemblea, resulta ademais intolerable que dende o ano 2016 non existan nin axudas públicas para os danos ocasionados polo xabaril nin tampouco un teléfono operativo na consellería para recoller as demandas dos afectados. Os veciños, trasládanos que cando chaman a ese teléfono non acadan resposta algunha porque, directamente, ninguén contesta.
Neste senso a nosa iniciativa, que ademais da citada apertura dunha liña de axudas, instará no seu segundo punto a que o Alcalde demande da Xunta o compromiso de poñer ao dispor dos afectados varios teléfonos a fin de recoller as reclamacións e comprobar os danos.
A posta en marcha de medidas de control que está a funcionar noutras comunidades, tales coma a captura dos animais vivos ou a esterilización selectiva, completan unha moción que dende Vilalba Aberta, agardamos, conte co apoio unánime dos grupos con representación municipal, a fin de que dunha vez por todas o Alcalde faga algo diante dun problema que esixe dun esforzo coordinado entre institucións.