Despois de defendermos diante o Pleno a nosa proposta de acordo, relativa á protección gandeira diante do repunte dos ataques do lobo; volvemos tomar a iniciativa ao respecto dunha das preocupacións máis estendidas entre o conxunto da veciñanza das parroquias.
Unha determinación, que chega en base á nosa constante comunicación con veciños/as afectados e ao, para nós, incomprensible desinterese municipal ao respecto dunha situación que cualificamos de absolutamente límite.
Denunciamos o abandono e o total desamparo dos veciños afectados e criticamos que, logo de arrincarmos do Goberno Municipal unha serie de compromisos plenarios, o Alcalde non movera un dedo para demandar da Xunta de Galicia compensacións a prezos reais de mercado, así coma a percepción das pagas en tempo e forma, tanto das facturas do servizo de veterinarios coma se ao final ten que procederse ao sacrificio do animal.
“O gandeiro está farto porque as indemnizacións non cobren todos os gastos que xera un ataque” declaraba hoxe o noso voceiro, o compañeiro Modesto Renda, quen non quixo deixar pasar a oportunidade para volver cargar contra o sistema adoptado pola Consellería de cara ao pagamento destas compensacións.
Neste senso, aludiu á “total indefensión” dos veciños das parroquias e á “responsabilidade civil subsidiaria” da Xunta, en tanto que “responsable última de xestionar as poboacións das distintas especies, incluídas as catalogadas coma fauna salvaxe.”
Unha responsabilidade que, para a asemblea de Vilalba Aberta, non pode recaer na conta corrente dos veciños afectados, senón que debera ser asumida polo conxunto das súas institucións. A este respecto, instamos a tomar exemplo de realidades tales coma a castelá, onde existen sentenzas que din que a Xunta de Castela e León é a responsable civil deses danos.
No caso Galego, e a día de hoxe, só existen unhas axudas moi deficientes para cubrir os danos causados polo lobo. Deficientes non só polo insuficiente da súa contía, senón porque ao gandeiro lle poden tardar máis de tres anos en facer o ingreso. Ademais, e por se isto non fora pouco, sabemos de varios casos nos que o afectado chamou para denunciar un caso de ataque e ninguén acudiu para levantar a acta.
É por isto, que vimos de rexistrar unha nova petición de urxencia, a fin de demandar do Goberno Municipal que o Concello de Vilalba acometa de inmediato as xestións e contactos necesarios diante a Consellería, co obxectivo da actualización dos baremos por danos na maior brevidade posible, á vez que con vistas a axilizar o pago dos mesmos, cumprindo co límite máximo de días previamente establecido para a súa percepción.