Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno Ordinario de Xullo unha proposta de control municipal, a fin da fiscalización dos servizos públicos externalizados polo Goberno do Partido Popular no Concello de Vilalba. Unha decisión de urxencia, ratificada pola nosa asemblea logo de termos coñecemento a través dunha denuncia anónima, do proceder en materia laboral da adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar.
Alertamos do continuado incumprimento do convenio, festivos non retribuídos e quilometraxes á conta dos traballadores/as, coma prácticas asumidas con total normalidade pola empresa Virxe do Carme, e ás que cómpre sumarlle a da existencia de represalias contra todas aquelas traballadoras/es que denuncian. Unha realidade que acendeu todos os sinais de alarma no seno da nosa asemblea, por afectar nin máis nin menos que a unha concesión de servizo recentemente prolongada e que se viu confirmada logo de contrastala, aos días, coa situación das traballadoras/es baixo nómina da devandita empresa no veciño Concello de Xermade. Neste senso, e ao tempo que lamentamos que a defensa e potenciación do público, dende un funcionamento eficiente e eficaz como garante da redistribución e satisfacción real da renda e os dereitos sociais do conxunto dos veciños/as non forme parte da folla de ruta deste Goberno Municipal, lembramos que a aposta decidida do Goberno polo modelo de xestión privada sobre os servizos públicos, non o exime da súa responsabilidade, atribuída por lei, como garante da súa xestión. Responsabilidade que lle impón unha serie de obrigas que non rematan no proceso de contratación, pois continúan ao longo da vida dun contrato, durante o cal o equipo de goberno debe velar polo bo cumprimento e desenvolvemento do servizo.
É por isto que loitaremos pola fiscalización continuada das concesións administrativas e maila posta en marcha de controis municipais eficaces, coma a última trincheira fronte á conversión do modelo de xestión indirecta nunha realidade de privatización definitiva encuberta. Na mesma liña, a atención ás cláusulas que rexen o contrato e o regulamento de servizo resultan, para Vilalba Aberta, o derradeiro garante tamén da súa calidade e control en termos de contratación e dereitos laborais, así coma de cara á aplicación da lexislación vixente na materia.
Falamos, cómpre recordalo, dunha grande parte do orzamento municipal transferida a mans privadas e cuxa xestión, en ningún caso, é coñecida pola veciñanza. Servizos públicos, responsabilidade dunha administración – o Concello – que delega o cumprimento das condicións laborais duns traballadores e traballadoras que, aínda non mantendo unha relación laboral co mesmo, son quen de facto prestan un servizo que afecta as persoas de Vilalba.
Neste senso, consideramos de absoluta urxencia a posta en marcha de procedementos de control e de avaliación ao respecto dos servizos públicos, pois, son os representantes públicos e non outros, os encomendados a adaptar e perfeccionar os mecanismos oportunos, a fin de garantir que a prestación dos servizos municipais responda e sexa eficaz para atender as necesidades básicas da poboación á que están suxeitos e ao máis estrito cumprimento dos dereitos laborais de todos e cada un dos traballadores/as encargados de os materializar.
Unha proposta, que pretende a presentación por parte do Concello dun informe anual de seguimento e control de todos os servizos externalizados, incluíndo os resultados técnicos e económicos, grao de cumprimento dos obxectivos previstos, das obrigas de contrato e en materia laboral, así coma das actas das reunións conxuntas e/ou comunicacións entre Concello e empresa, incidencias, etc.
Na mesma liña, dende Vilalba Aberta proporemos aos grupos con representación na corporación a posta en marcha dun un “Observatorio Municipal dos Servizos” de carácter consultivo, que teña entre os seus labores o control, seguimento, valoración e propostas de mellora dos servizos públicos municipais. Este, estaría formado polos voceiros dos Grupos, técnicos municipais e representantes sindicais das empresas concesionarias.