Vilalba Aberta volverá a esixir diante o Pleno unha revisión en profundidade do sistema de recollida e tratamento de residuos. Unha reivindicación, que de novo figurará na orde do día a iniciativa da nosa asemblea e que, desta volta, chega acompañada dunha proposta de regulación, a fin dunha correcta prestación do servizo de recollida por parte tamén dos responsables do Punto Limpo. Unha decisión de urxencia, tomada logo de termos coñecemento dun novo vertido na contorna do Polígono de Sete Pontes.
Cómpre apelar á nosa responsabilidade cívica coma veciñanza, por suposto. Mais, con todo, as reiteradas deficiencias no funcionamento do Punto Limpo, semella, non a están a facilitar”, declaraba onte o noso compañeiro e edil na corporación, Modesto Renda, ao tempo que denunciaba a falta de seriedade do Concello no que ten que ver co control do establecido nos horarios de apertura e peche.
Os vertedoiros ilegais, xunto coa pésima xestión que en xeral se realiza en Vilalba ao respecto dos residuos, ofrecen da nosa vila e parroquias a peor das súas caras, isto é: unha radiografía triste da nosa sociedade, cuxo responsable último é o Goberno.
Neste senso, e ao tempo que recoñecemos a dificultade de controlar o cento por cento do territorio e evitar que alguén arroxe residuos a calquera recuncho, dende Vilalba Aberta consideramos indispensable a correcta planificación e a programación de accións encamiñadas a reverter a actual realidade.
É por isto, que ademáis do relativo á fiscalización do sistema de recollida por parte da concesionaria e dos responsables do Punto Limpo, defenderemos tamén a necesidade de informar á veciñanza dos residuos que se xeran e de como se xestionan, observando deste xeito os vilalbeses/as como ao mellorar a xestión isto impacta de forma positiva tanto a nivel social como a económico. Unha campaña pedagóxica de ámbito exclusivamente municipal, co obxectivo que as veciñas e veciños, asociacións, empresas e institucións sexan cómplices da xestión e dos logros que se van conseguindo na materia.