Por Noel Dopazo Vázquez. Veciño de Vilalba e activista LGTBI.
Coma todos os anos, somos moitas e moitos os que saímos ás rúas nestas datas a reivindicar, como nos disturbios de StoneWall en Nova York en 1969, unha vida digna, plena de dereitos e en liberdade, sen ataduras, nin violencias, nin opresións de ningún tipo.
Cada ano que pasa, as persoas LGTBIQ+ avanzamos, imos conquistando os dereitos que nos pertencen. Este mesmo ano, coñecíase que a OMS (Organización Mundial da Saúde) deixaría de considerar a transexualidade como un trastorno mental, sendo un hito na loita pola despatoloxización das persoas transxénero, ás veces esquecidas ao longo dos anos de loita incluso polas que somos as súas compañeiras.
Se ben esta é unha boa noticia, non nos conformaremos. Non nos vale que as persoas trans pasen de ser enfermas mentais a ser catalogadas de “imcongruentes de xénero”, posto que este novo calificativo segue a ser patoloxizante, unha etiqueta para estigmatizar. Conseguimos cousas nestes anos, e son moitos os retos que temos por diante: a erradicación das agresións LGTBIfóbicas; a urxente aprobación da Lei Estatal de Igualdade LGTBI; a aprobación dun Pacto de Estado fronte ao VIH; garantir o acceso ás mulleres lesbianas e bisexuais á reprodución asistida; a visibilidade dos novos e diversos modelos de familia; unha política exterior que non ampare a vulneración dos DD.HH. das persoas LGTBI…
De todas formas, a pesares da importancia da loita a gran escala, as conquistas fanse sobretodo no día a día, con pequenos xestos e accións, con iniciativas locais, nos barrios, coa loita no rural, nos colexios e institutos, cós amigos e amigas, coa familia. Por iso a importancia deste acto de reivindicación, por iso que Vilalba Aberta repita o paso tan importante que deu hai un ano para axudarnos a seguir avanzando e a normalizar e defender os intereses do noso colectivo, para darnos voz ás que nunca a tivemos.
Queda moito traballo, e moitas metas por acadar e por chegar, pero estamos seguras e seguros de que coa unidade de loita dos colectivos LGTBIQ+, das aliadas feministas e das forzas progresistas só podemos seguir avanzando. Só podemos vencer!
Viva o Orgullo! Viva a diversidade! Por unha Terra Chá e unha Vilalba orgullosa e aberta!