Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de facer pública a nosa posición ao respecto da saída a concurso dos servizos da Piscina e o Parque Acuático para os próximos catro anos. Un debate, previsto na orde do día do Pleno Ordinario do vindeiro luns e no que defenderemos o inmediato control municipal de ámbolos dous servizos públicos coma paso previo á súa definitiva remunicipalización.
Na nosa argumentación, facemos referencia aos sobrecustes inherentes a toda adxudicación e ás posibilidades que para as arcas municipais suporían o aforro nas porcentaxes referidas á cota de beneficios industriais que ata o de agora se reservaba a concesionaria, nas comisións comerciais, así coma no que ten que ver co pagamento do correspondente IVE, a realizar con cada factura remitida, e que dende Vilalba Aberta ciframos nun extra de 56.016,01€, en base ao explicitado no orzamento máximo de licitación.
A este respecto e segundo os estudos realizados dende a Federación Española de Municipios e Provincias, o aforro mínimo que se produciría pola remunicipalización do servizo estaría en torno ao 30% e sería seguramente superior, como demostran algunhas experiencias de Concellos que retomaron o control directo de servizos das memas carácterísticas no que vai de lexislatura.
Na mesma liña se pronunciaba hoxe o noso voceiro, o compañeiro Modesto Renda, quen apelou á responsabilidade do Goberno Municipal, subliñando a importancia de optimizar recursos e capital humano na súa defensa dun modelo de xestión pública que, ao tempo que aseguraría que o obxecto da prestación se reduza en exclusiva ao que ten que ver coa calidade do servizo, blindaría tamén a estabilidade nas condicións e dereitos duns traballadores/as, vítimas do proceder en materia laboral das dúas últimas adxudicatarias.