Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de anunciar o lanzamento dun proceso de participación veciñal de cara a redacción do noso programa electoral para as municipais do vindeiro ano. Baixo o nome de Vilalba Decide e a través dunha novidosa ferramenta de participación online, primeiro, e en formato de votación tradicional, despois, poñeremos a disposición dos veciños de vila e parroquias a posibilidade decidir punto por punto o programa que Vilalba Aberta defenderá nas vindeiras Eleccións Municipals de 2019 coma o Programa Electoral de todos/as.
Coa decisión, aprobada por unanimidade na nosa asemblea no marco dunha folla de ruta interna cara ás municipais, desmarcámonos unha vez máis do xeito de facer dos partidos políticos tradicionais, en tanto que ademais dun inédito proceso de participación veciñal; Vilalba Decide nace co obxectivo de implicar á veciñanza, involucrando tanto aos barrios da vila, coma ás parroquias, aos profesionais e aos traballadores/as e autónomos do conxunto do Concello.
Neste senso, e fronte aos clásicos programas cunha listaxe de medidas atomizadas, apostamos por atopar consenso naquelas medidas prioritarias para a veciñanza e que, sendo capaces de dar resposta a varias problemáticas á vez, supoñan ademais un uso máis eficiente dos recursos á hora de satisfacer as necesidades da maior parte dos vilalbeses/as. Un Programa, en definitiva, que poña de relevancia a nosa intelixencia colectiva, a través dun proceso participativo que faga posible que decenas de veciños/as tomen parte na creación, discusión e priorización das súas inquedanzas.
Na mesma liña se pronunciaba hoxe o seu voceiro, o edil Modesto Renda, quen definiu a posta en marcha do proceso coma “un proxecto colectivo que quere demostrar que se pode facer política doutro xeito, coa participación da xente e sen concebir á veciñanza coma se se tratara dunha clientela á que convencer”.
Non queremos que en 2019 a veciñana elixa entre varios programas que lle son impostos, queremos que os vilalbeses/as teñades ao fin a posibilidade de vos decantar por unha programa que sintades voso, isto é: coma algo do que formastes parte e no que vos recoñezades á hora de o votar,
FASES E PRAZOS DO PROGRAMA PARTICIPATIVO
A construción colectiva do Programa comezará unha vez teñan rematado as Festas se San Ramón e Santa María pola vía da presentación en redes da plataforma de participación online. Na mesma, todas as persoas empadronadas no Concello poderán enviar as súas propostas ata o venres 15 de Febreiro, ás que se lles sumarán aquelas que a formación poida recibir logo da convocatoria de ao menos dúas asembleas programáticas presenciais. Un engadido, pensado para favorecer tamén a participación de todos aqueles veciños/as que non dispoñan de conexión ou acceso a internet e desexen igualmente participar da elaboración colaborativa. Neste senso, e unha vex expirado o prazo, activarase un procedemento de avaliación de dous días a fin de analizar a viabilidade xurídica e económica das achegas, para de seguido establecer unha síntese final previa á elaboración dun primeiro “Plan de Choque” para os primeiros meses de mandato e integrado polas 15 medidas máis votadas, ademais dun sub programa para as parroquias que se entregará á veciñanza coma un anexo ao Programa Electoral. Unha medida que suporá, por primeira vez na historia do Concello de Vilalba, que as parroquias teñan un programa electoral propio, ademais do establecido para as mesmas no Programa Electoral Xeral, a presentar este último o vindeiro 22 de Abril.