O informático vilalbés Zeus Seijo será o máximo responsable de Vilalba Aberta a nivel interno. Así anunciou esta mañá a formación municipalista, logo de que a súa Asemblea Xeral decidira por “rotunda unanimidade” o nomeamento. Seijo, de 34 anos e veciño da Rúa do Rollo, substitúe a Mónica González como responsable de Organización de VA, toda vez que esta vén de tomar posesión como concelleira e asumir a área de Cultura no actual Equipo de Goberno do Concello de Vilalba.
Na súa primeira intervención, Seijo mostrou o seu ”orgullo e agradecemento” pola oportunidade que lle chega e reivindicou “a política do traballo e o servizo público” como o principal sinal de identidade de Vilalba Aberta.
O novo Coordinador, que nas pasadas Eleccións Municipais ocupou o posto número 17 da lista de VA, destacou tamén o “exemplo democrático” que mostrou a formación municipalista durante o proceso de elección.
EXEMPLO DE HUMILDADE E TRABALLO DESINTERESADO A PROL DA VECIÑANZA
En palabras dos seus compañeiros/as de partido, a elección de Seijo como máximo responsable de VA é a “constatación da meritocracia” aplicada á política. Del destacan a súa “humildade”, as súa “grande capacidade organizativa” e o seu “traballo silencioso a prol do interese común”.
“Zeus é un exemplo de humildade e traballo desinteresado. Non se me ocorre unha persoa máis axeitada para organizar a vinda interna da nosa formación”, declarou o Voceiro de VA e Vicealcalde de Vilalba, Modesto Renda.
Na mesma liña se pronunciaron as concelleiras Mª Xosé Fernández e Mónica González – predecesora de Seijo no cargo – desexándolle toda a sorte e acertos nunha responsabilidade que definiron como “fundamental” como complemento e contrapeso do traballo de Vilalba Aberta no Goberno Municipal.