A Concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez, anunciou este martes a súa “firme intención” de renunciar á acta de concelleira e ao seu posto no Goberno Local “por motivos de conciliación laboral e familiar”. E fíxoo arroupada polos seus compañeiros en Vilalba Aberta, incluído o portavoz municipal e Vicealcalde, Modesto Renda e a número 2 da formación e tamén compañeira de Rodríguez no Goberno de Vilalba, Mª Xosé Fernández.
“Apoiamos e comprendemos con toda a dor do noso corazón os motivos polos cales Tamara toma esta decisión”, declarou un Renda que coincidiu con Rodríguez en deixar claro que esta renuncia ven propiciada “única e exclusivamente por motivos de conciliación”.
“Ás súas responsabilidades de goberno, Rodríguez, sumaba ás que tiña como traballadora autónoma á fronte dun negocio e nai, o que na última etapa lle resultaba “imposible de conxugar”, explicou o Vicealcalde.
Rodríguez agradeceu “a confianza e o cariño que día a día lle mostraron so seus compañeiros” e deu a súa palabra de que a renuncia non se fará efectiva ata que “se teñan rematado as Festas de San Ramón e Santa María” o vindeiro mes de Setembro.
Será aí cando deixe o seu lugar á número catro de Vilalba Aberta e actual Coordinadora Xeral da formación, Mónica González, presente tamén na despedida de Rodríguez e que non só asumirá o seu posto como concelleira se non que asumirá tamén as súas responsabilidades de goberno e a propia área de Cultura.