O Vicealcalde e responsable de mobilidade do Concello de Vilalba, Modesto Renda, presentou hoxe os resultados e as conclusións do Estudo de Reordenación do Tráfico, encargado con vistas ao cambio do sentido circulatorio da Rúa da Pravia.
Acompañando da responsable da empresa redactora, Silvia Pérez, Renda explicou que o máis destacado dos traballos de campo e a simulación do escenario futuro é que o cambio, “máis alá de facilitar a entrada de visitantes e de veciños das parroquias ó centro, permitirá desconxestionar o tráfico nesta céntrica rúa, co que iso significa de cara ó reforzo do seu compoñente semipeonil e de mellora da circulación en todo o casco urbano.”
Porque a mellora do tráfico e a mobilidade, debían ser compatibles co obxectivo último do Concello, isto é: favorecer o interese comercial dunha vila que, tal e como declarou hoxe Renda, “sempre foi unha vila de servizos proxectada cara o rural”.
Outra das razóns que motivaron a contratación do estudo era analizar se existía algún condicionante a terse en conta á hora de mudar o sentido da rúa; pero tal e como explicou a técnica as conclusións foron “favorables ao cambio”, pois todos os fluxos circulatorios “equilibraránse” e o resultado foi que “non se identificou ningún problema de conxestión co cambio de sentido”.
CRITERIOS DE TRÁFICO E MOBILIDADE
Tal e como explicou Pérez, en todo o proceso á hora de tomar as medicións e recompilar os datos necesarios para facer a análise da circulación na Rúa dá Pravia, tívose en conta non só a vía, senón “todo o armazón diario da contorna”. “Analizamos todas e cada unha das vías de entrada ao núcleo urbano, identificáronse os puntos de acceso en función do tráfico, colocáronse as cámaras nos cruces para analizar os aforos direccionais e identificáronse as horas puntas no día para ver os puntos de conflito”, explicou.
A partires de aí, xerouse un modelo de situación futura, co cambio de sentido, e concluíuse que os fluxos circulatorios “equilíbranse”, reducíndose un 33% o tráfico na Rúa dá Pravia e redistribuíndose a outras, como a Avenida Terra Chá, Plácido Peña e, en menor medida, Conde Pallares.
Tamén se analizou o funcionamento propio das interseccións, tanto a nivel de servizo como no cociente de conxestión, e o resultado foi que “non se identificou ningún problema de conxestión co cambio de sentido”, dixo Silvia Pérez.
CRITERIOS DE INTERESE COMERCIAL
O Vicealcalde tamén se fixo eco das demandas dos veciños/as e do sector comercial e hostaleiro e mostrouse satisfeito polas conclusións, tamén a este respecto. “Actualmente a Rúa da Pravia conta con varias rúas paralelas que comparten con ela o sentido circulatorio, e os núcleos rurais con máis habitantes atópanse cun difícil acceso”, explicou. O cambio da dirección facilitaría, pois, a entrada ó centro ao groso da poboación do rural “a principal consumidora do comercio e a hostalería locais”.
Así, e na liña de primar o interese comercial ao tempo que mellorar a mobilidade, lembrou tamén que a outra grande parte de consumidores/as do comercio e a hostalería locais son veciños/as de concellos limítrofes como Xermade, As Pontes ou Ferrol e que entran a Vilalba pola A8 e a AG64. A actual dirección na rúa non da continuidade ó que sempre foi o acceso natural ó casco urbano dende as autovías (e o propio Polígono Industrial) e neste senso, tamén, se fai necesario o cambio.
Por último e,máis alá do condicionante do Camiño de Santiago, Renda destacou moi especialmente a solución que a nova dirección lle dará a problemas recurrentes na saída dos taxis na actual parada.
Consulta aquí o Estudo ao completo : https://shorturl.at/nyGTh