O candidato de Vilalba Aberta á Alcaldía, Modesto Renda presentou hoxe a que será unha das súas principais apostas en materia de mobilidade urbana se goberna: A contratación dun estudo técnico con vistas a mudar a dirección imposta na Rúa da Pravia pola súa contraria.
Tal e como explicou, VA reuniuse cos técnicos da empresa privada contratada polo Concello e escoitounos, do mesmo xeito que escoitou ao longo dos últimos 3 anos aos veciños/as das parroquias, ao comercio, á hostalería, aos taxistas e aos axentes da Policía Local, entre outros veciños/as que dun xeito ou outro lles achegaron a súa visión e opinións. E en base a iso, estableceron un criterio claro que, como tal figura no seu Programa Electoral.
“Dixémolo e dirémolo, non ten lóxica que haxa 4 paralelas co mesmo sentido circulatorio, as parroquias máis habitadas están para a outra man, o groso dos visitantes e consumidores do noso comercio veñen dirección A8 e a todo iso engádese o condicionante do Camiño de Santiago. É un compromiso e farémolo efectivo se gobernamos” declarou.
UN GOBERNO QUE ESCOITE EN LUGAR DE QUE IMPOÑA
“Queremos gobernar escoitando, non impoñendo” declarou Renda, que anunciou tamén o seu compromiso de redactar “un regulamento de consultas/referendos veciñais” para accións que poidan supoñer un forte impacto a nivel urbanístico, ambiental ou social.