Vilalba Aberta ven de facer de novo publica a súa “frontal oposición” á súa proposta de subvencións nominativas aprobadas polo goberno. Unha relación de gastos (278.600€) que requiría do consentimento da maioría absoluta do Pleno e que o PSOE – sen negociación nin pacto – conseguiu sacar adiante pola vía da convocatoria dunha sesión extraordinaria en horario laboral (9:00h da mañá) e á que o voceiro de VA, Modesto Renda, non puido acudir por non ter marxe para ausentarse do meu traballo.
Pero máis alá de censurar un “xeito de facer política que se define só”, a comparecencia de Vilalba Aberta tiña por obxecto “explicar as consecuencias do aprobado e o porqué da “fuxida cara adiante” dun goberno que tal e como censurou o propio Renda, “perverte día a día a democracia co fin de gobernar en minoría coma se contara coa máis ampla das maiorías.”
UN PLENO QUE CONSOLIDA A APOSTA DO PSOE DE GOBERNAR POR DECRETO COS PRESUPOSTOS DO PP
A primeira delas ten que ver cos presupostos. “Dado que as nominativas están directamente vinculadas ao orzamento, a súa aprobación vía modificación de crédito supón de facto, que o PSOE rematará a lexislatura gobernando cos presupostos do PP”, explicou Renda.
Unha realidade diante da que, ao xuízo de VA só caben dúas opcións: Ou que o Goberno sexa “incapaz de deseñar un presuposto propio” ou que o cambio do PSOE fora finalmente “gobernar por decreto cuns presupostos, os do PP, diante dos que o Grupo Municipal Socialista votou en contra en marzo de 2019”.
“Dende VA entendemos que sen un marco presupostario diferente ao deseñado polo PP, falar de cambio é directamente unha estafa e é por isto que en ata 5 ocasións lle tendemos a man ao PSOE para negocialo. Nunca houbo resposta”, lembrou Renda.
UNHA METODOLOXÍA DE ASIGNACIÓN CONTINUÍSTA DO MODELO CACIQUIL DO PP
A segunda ten que ver coa metodoloxía de asignación destas subvencións. Para Modesto Renda, “se algo unía aos veciños/as que votaron cambio (independentemente de que o fixeran apoiando ao PSOE ou a VA) era a confianza en que poñendo fin ás maiorías absolutas do PP se poría tamén fin ás dinámicas clienterales e caciquís que caracterizaron os seus gobernos.”
É por isto que denunciou que a metodoloxía de asignación elixida polo PSOE para a concesión das nominativas sexa “exactamente a mesma que no seu día inaugurou o PP” e en consecuencia, exactamente a mesma que tanto o PSOE como VA durante anos cualificaron de caciquil.
“Dende VA entendemos que sen uns baremos preestablecidos, a concesión arbitraria de diñeiro público é a máxima definición de caciquismo e é por isto que o pasado ano advertimos ao PSOE que só volveríamos a pactar en materia de subvencións se previamente se acordaba un procedemento de asignación publicitado, ponderado, xusto e radicalmente democrático. Tampouco obtivemos resposta”, explicou o voceiro de VA.
UNHA PROPOSTA QUE RECORTA 30.000€ CON RESPECTO A 2021 E NON CUMPRE COAS DEMANDAS DA MAIORÍA DE ASOCIACIÓNS
A terceira e última ten que ver coas necesidades das asociacións. Asociacións culturais, deportivas, empresariais, educativas e sociais que VA visitou, escoitou e coas que se comprometeu a fin do cumprimento dunha serie de demandas que – explican – “a unilateral proposta presentada polo goberno, con recortes evidentes en varias partidas, está moi lonxe de satisfacer.”
“Sen orzamentos a marxe de manobra é mínima, pois para subirlle a unha asociación hai que recortarlle a outra, e dende VA levamos máis de 3 anos facendo un traballo de escoita que o goberno socialista sabía que íamos poñer enriba da mesa nunha negociación. Sabíano e por iso non lles interesaba pactar”, lembrou Renda.
Unha opinión compartida pola vicevoceira da formación, Mª Xosé Fernández, quen definiu estas nominativas como as do “saco, quito, poño”. “Improvisación e falta de planificación, ou o que é o mesmo, vestir un santo para desvestir outro”, explicou.
Así, Fernández lembrou que ata 13 diferenzas se atoparon nas asignacións ata chegar ás definitivas. “Unha improvisación especialmente visible no tocante ás Anpas”, explicou, ao tempo que denunciou a redución de varias partidas, entre elas, a destinada ás comisións de festas das parroquias, dotada agora con 30.000€ fronte aos 36.000€ de antes da pandemia.
“Non podiamos apoiar a fuxida cara adiante dun PSOE que, ademais de consolidar o caciquismo do PP, recorta 30.000€ con respecto ao aprobado en 2021”, sentenciou.
FRONTAL OPOSICIÓN AO RECORTE DE 40.000€ EN AXUDAS AO HOSPITAL ASILO
Así mesmo, Vilalba Aberta volveu facer pública a súa “frontal oposición” á decisión do goberno do PSOE de recortarlle 40.000 euros a unha entidade como o Hospital Asilo.
“A subvención anual pasa de 50.000 a 10.000€ e a Alcaldesa debera explicar a que se debe esa diminución e se esta é unha represalia logo cambios de estatutos da Fundación, nos cales se eliminou a súa figura do Padroado”, declarou Fernández.
Na mesma liña se pronunciou Renda, que cualificou de “vergoñentas” as declaracións da Tenente de Alcalde, Marta Rouco, en relación cos “gastos non xustificados en comida e produtos de limpeza”.