O Grupo de Goberno do Concello de Vilalba e o Grupo Municipal de Vilalba Aberta veñen de asinar un acordo que subscribe a votación favorable no pleno do vindeiro xoves para a incorporación de remanentes de tesourería. O obxectivo? Financiar unha serie de actuacións consensuadas por ámbalas dúas forzas políticas e que posibilitarán a mellora de vías de titularidade municipal nun total de 21 parroquias.
Así, incorporaranse á anualidade 2022, polo procedemento de modificación orzamentaria, un total de 904.042,59 euros, co obxectivo de dotar de crédito á execución de diversos proxectos de obra en diferentes vías e accesos no rural.
RELACIÓN DE ACTUACIÓNS CONTEMPLADAS
En virtude do pactado, destinaranse 29.623,89€ á pavimentación e rexeneración de vías na parroquia de Samarugo e 6.500,00€ á de Vilapedre. Na mesma liña, mais neste caso a fin da conservación e mantemento de vías, investiranse 61.249€ na parroquia de Alba; 50.201,06€ na de Rioaveso; 23.621,28 en Corvelle; 52.420,90€ en San Simón; 25.980,61€ en Codesido; 27.482,30€ en Distriz; 94.540,53€ en Árbol; 46.548,42 en Santaballa; 59.704,48€ en Lanzós; 55.526,33€ en Román; 20.788, 32€ en Carballido; 16.964,36€ en Tardade; 28.360,79€ en Xoibán; 23.104,35€ en Gondaísque; 19.432,78€ en Ladra; 32.871,17€ en Goiriz e 28.021,53€ en Insua.
Ademais, e no relativo á pavimentación e mellora, contémplanse 28.411,60€ a executar na parroquia de Nete e 84.632,47€ na de Torre.
Por último, o acordo vincula aos seus asinantes a incluír o financiamento da necesaria renovación do pavimento no polideportivo do CEIP Mato Vizoso. Unha actuación, cuxo orzamento chega aos 88.005,60€.
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, amosouse “satisfeita con este acordo que beneficiará á poboación das parroquias” e afirmou que “tanto o grupo de goberno como Vilalba Aberta asinan este pacto pensando no ben da veciñanza do rural, cunha serie de actuacións e prioridades compartidas por ambas forzas”.
Ademais, Veleiro insistiu na “necesidade do diálogo político para artellar propostas, crear sinerxias e aportar solucións que a sociedade vilalbesa nos demanda, polo que nós sempre estaremos predispostos ao consenso na acción de goberno do Partido Socialista”.
Pola súa banda, o voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, contextualizou o acordo na necesidade de “facer xustiza con aqueles veciños/as que desenvolven os seus proxectos de vida nas parroquias” e defendeu a política do entendemento e do pacto como “única que mellora a vida dos vilalbeses/as”. Por último, Renda explicou que o pactado entre VA e o Partido Socialista supón “un desbloqueo fundamental en materia de investimentos” pois, do contrario, “o Concello apenas tería marxe para executar, o que se traduciría nun ano perdido para o rural”.