O noso voceiro municipal, Modesto Renda, e a responsable de organización de VA, Mónica González, achegáronse a Árbol co obxectivo de escoitar e recoller de primeira man as necesidades da parroquia.
Na xuntanza, a décima xa dende que dera inicio á iniciativa “Rede de Parroquias”, o noso Grupo Municipal comprometeuse coa veciñanza presente na necesidade de urxir ao goberno local a acometer os arranxos pendentes na escola; rematar as comprometidas obras de acondicionamento na parte sen rematar do campo da festa e garantir a necesaria información e transparencia de cara ao vindeiro proceso de concesión das subvencións nominativas.
Ademais, e tal e como explicou Renda, Vilalba Aberta demandará do goberno que asuma as súas competencias no que ten que ver coa roza do propio aparcadoiro e demais espazos de titularidade municipal.
“Dende VA entendemos que unha parroquia con un nivel de asociacionismo tan consolidado e traballado (os veciños/as de Árbol contan cun grupo de teatro e outro de música tradicional) non pode ter como carta de presentación un local social en estado de semiabandono como consecuencia da inacción do goberno”, denunciou.
Renda, que acusou ao Concello de “pór escusas” no canto de asumir as súas responsabilidades, avanzou que esixirá da Alcaldesa a reforma dos baños da escola, de xeito que resulten nun único espazo adaptado para persoas dependentes.
Unha opinión compartida pola nosa compañeira Mónica González quen puxo en valor “a predisposición e iniciativa” dos veciños asistentes e non deixou pasar a oportunidade para trasladar o seu “profundo agradecemento” á directiva da asociación de veciños de por permitir facer posible este novo encontro.