Cinco anos despois de que a veciñanza vilalbesa acudira á primeira convocatoria de VA con motivo da celebración do Orgullo LGBTI, vimos de anunciar a nosa vontade de dar continuación ás convocatorias de 2017, 2018, 2019, 2020 e 2021.
Un acto que, tal e como lembrou a nosa vicevoceira, Mª Xosé Fernández, pretende “afondar no impulso democratizador co que nacemos, así como ofrecerlle á veciñanza os mellores contidos sobre os que debater e avanzar coma sociedade”.
Porque esta quinta edición que estará focalizada na importancia da educación en diversidade como “mellor arma para combater a intolerancia”, a través dun coloquio moderado pola responsable de educación e mocidade de VA, María Pérez, e da que tomará parte o profesor e veciño de Vilalba, Andy Toro.
“Pretendemos confluír coa veciñanza na defensa das e dos que non poden expresar a súa sexualidade con liberdade”, declarou Fernández, porque “ningunha sociedade pode ser considerada coma democrática e plural se se manteñen ou alimentan situacións de exclusión e de rexeitamento cara a unha parte dos seus membros”, sentenciou.
É por isto que chamamos á participación nunha xornada (xoves 30 de Xuño, 21:00h no Hostal Terra Chá) que volverá traer á capitalidade chairega a visibilidade e a reivindicación dun festexo, ata o de agora, reducido ás celebracións e actos das grandes vilas e cidades.