Vilalba Aberta dará continuidade este xoves á súa pioneira iniciativa “Rede de Parroquias”. Retomada o mes pasado en Belesar logo de ser aprazada polo impacto da sexta onda da Covid, estamos a falar dunha serie de encontros “parroquia a parroquia” cos que pretendemos coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza do rural e incorporalas, logo, á axenda política da corporación.
Así, e despois das sete primeiras de Santaballa e Nete, Ladra, Oleiros, Carballido e Corbelle e Belesar a VA visitará San Simón co fin de celebrar a que será a oitava parada da concorrida xeira.
“Dende Vilalba Aberta queremos dar resposta ao que tantos veciños das parroquias nos dixeron semanas antes da celebración das Eleccións Municipais: As reunións nas parroquias, durante os catro anos e non só en campaña electoral”, explicou a nosa responsable de organización, Mónica González.
Á xuntanza, fixada para este xoves día 28 ás 20:30h na antiga escola da Pedragosa, seguiralle previsiblemente, outra proposta xa, a celebrar o vindeiro mes na parroquia de Lanzós.
Así mesmo, dende Vilalba Aberta non queremos deixar pasar a oportunidade para trasladar o seu profundo agradecemento ás directivas das asociacións da parroquia por permitir facer posible este novo encontro.