Vilalba Aberta retoma esta venres súa pioneira iniciativa “Rede de Parroquias”. Aprazada a finais do pasado ano polo impacto da sexta onda da Covid, estamos a falar dunha serie de encontros “parroquia a parroquia” deseñados co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza do rural e incorporalas, logo, á axenda política da corporación.
Así, e despois das seis primeiras de Santaballa e Nete, Ladra, Oleiros, Carballido e Corbelle o noso Grupo Municipal visitará Belesar co fin de celebrar a que será a séptima parada da agardada xeira.
“En Novembro do pasado ano vímonos obrigados a suspendelas nun exercicio lóxico de responsabilidade; pero toda vez que a situación epidemiolóxica nolo permite, non podiamos máis que retomala”, explicou o noso voceiro municipal, Modesto Renda.
Á xuntanza, fixada para este venres día 25, ás 21h, na Casa Escola da parroquia, seguiralle outra, apalabrada xa, a celebrar o vindeiro mes na parroquia de San Simón.
COMPROMISO ELECTORAL
“Dende Vilalba Aberta queremos dar resposta ao que tantos veciños das parroquias nos dixeron semanas antes da celebración das Eleccións Municipais: As reunións nas parroquias, durante os catro anos e non só en campaña electoral”, apuntou a responsable de organización de Vilalba Aberta, Mónica González.
Unha visión, compartida por un Modesto Renda que contextualizou a iniciativa na necesidade de cumprir co compromiso adquirido coa veciñanza nas diferentes xuntanzas nas parroquias na campaña das Municipais. “A iso nos comprometemos e iso será o que faremos: Visitar e escoitar unha a unha ás 29 parroquias do Concello de Vilalba.”
GRANDE ACOLLIDA POR PARTE DA VECIÑANZA
“A acollida da iniciativa antes da Covid xa fora fantástica e, dende a celebración da primeira en Santaballa, sucedéronse as peticións de Asociacións de Veciños doutras parroquias que querían que nos achegaramos”, apuntou González.
Na mesma liña se pronunciou Modesto Renda, poñendo en valor “a predisposición e iniciativa da veciñanza das parroquias que os contactaron, así coma o imprescindible de facer política “escoitando aos veciños das parroquias” pois “son sempre os máis damnificados polo conxunto dunhas administracións, lembremos, chamadas a velar polos seus intereses do mesmo xeito que o fan polos veciños/as do casco urbano”.
É por isto que animamos á veciñanza de Belesar a participar, achegándose o vindeiro xoves á Casa Escola da parroquia. Así mesmo, dende Vilalba Aberta non quixeron deixar pasar a oportunidade para trasladar o noso profundo agradecemento ás directivas das dúas asociacións de veciños da parroquia por permitir facer posible este novo encontro.