Lingua

No mes de xuño deste ano 2022, cúmprense trinta e nove anos da promulgación da Lei 3/ 1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística, en cuxo Título II do uso oficial do galego, no seu Artigo 4, punto 1, ditamina: “O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma”.

Non estaría de máis que os responsábeis do goberno do noso Concello deran un repaso polas leis que seguen en vigor aínda que estas conten con case corenta anos de vixencia, pois semella que as teñen esquecidas.

Son moitos os exemplos neste senso. Dende as convocatorias aos plenos municipais, as actas dos mesmos, os escritos oficiais de todo tipo, até a páxina web oficial, na que se redactan comunicacións, actos e eventos usando o castelán como lingua vehicular, feito que calquera cidadán/a pode comprobar.

Ademais de mágoa, é unha vergoña que na terceira década do século XXI teñamos que instar aos nosos gobernantes locais sobre o uso da lingua de noso.

Serva este breve escrito como denuncia, dende Vilalba Aberta, dun proceder arbitrario por parte do Concello de Vilalba en contra das leis establecidas de obrigado cumprimento.

Deixa unha resposta

O seu enderezo de correo electrónico non será publicado. Os campos obrigatorios están marcados con *

Deixar resposta