O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de anunciar o rexistro dun total de nove asuntos de cara ao Pleno Ordinario desta tarde. Dos mesmos, tres serán iniciativas baixo o formato de moción, outros tantos trataranse na quenda de preguntas á Alcaldía e os restantes trasladaranse como solicitudes en forma de rogo.
MOBILIDADE, VIVENDA E MEMORIA COMO EIXOS TEMÁTICOS DAS MOCIÓNS
Con respecto ás mocións, a mobilidade, a política de vivenda e a memoria democrática, centrarán as intervencións de Modesto Renda e Mª Xosé Fernández.
Así, ademais de preguntar de novo polo necesario Plan de Mobilidade, Renda defenderá diante dos grupos con representación municipal a sinalización e trazado no ámbito urbano dun carril bici ou senda ciclista a puntos estratéxicos, como a zona dos centros educativos, a zona de lecer da Praia Fluvial, piscina ou a pista de tenis.
“Nas xuntanzas que recentemente tivemos con representantes de asociacións ciclistas de Vilalba recollemos de primeira man as súas inquedanzas e fomos testemuña das necesidades dun colectivo importante que xa vén facendo un uso habitual da bicicleta nos seus desprazamentos”, explicou o noso voceiro.
Proporase, pois, dende VA unha actuación que, ademais, redundaría no atractivo turístico vila e cuxa vertente económica, argumentan, “non se pode desprezar”.
“Cómpre fixarse en concellos limítrofes que xa están dando pasos nese senso como Guitiriz ou Xermade e nese senso actuamos”, concluíu Renda.
No relativo á política de vivenda (unha cuestión sempre esquecida no Pleno Municipal), Vilalba Aberta porá o foco na problemática que se deriva da grande cantidade de vivenda baleira en mans de entidades financeiras.
“Dende Vilalba Aberta consideramos irrenunciable a nivel local a creación dun observatorio de urbanismo e vivenda que se inicie coa creación dun censo de vivenda baleira real, que vai a ser a bo seguro un instrumento moi útil na toma de decisións e de implantación de políticas activas na materia”, explicou Renda.
Así mesmo, o noso voceiro anunciou que instará á administración competente en materia de vivenda, a Xunta de Galicia, “non so á construción de nova vivenda pública de protección, senón á rehabilitación e conversión en vivenda pública das antigas casas de legoeiros no Campo da Ponte.” Un conxunto de vinte vivendas aliñadas de grande valor arquitectónico e urbanístico e que van camiño da ruína máis absoluta. “Cómpre poñelas a producir e é por isto que actuamos”, declarou.
E por último, a iniciativa encargada de pechar o capitulo de mocións no que ten que ver co traballo municipal de Vilalba Aberta parte doutra demanda veciñal. Aquí, María Xosé Fernández esixirá que o Concello de Vilalba, no contexto de modificacións a acometer en cumprimento da lexislación en materia de memoria democrática, proceda á progresiva corrección do desequilibrio por sexos no rueiro.
“Mulleres como Concha da Reina, Sara Jato, ou mesmo a oficialidade do nome Praza das Mulleres, serían , ao noso xuízo, distincións ben merecidas”, apuntou.
AMPLIACIÓN DO POLÍGONO, URBANISMO E NORMALIZACIÓN LINGUÍSTICA
No tocante ás preguntas, o protagonismo será de novo para o desenvolvemento industrial pendente. “O futuro de Vilalba pasa por ampliar o polígono e pediremos explicacións á alcaldesa pola absoluta parálise neste senso”, explicou Modesto Renda.
En segundo lugar e moi relacionada, unha sobre o inventario de parcelas. “Queremos saber se o Concello de Vilalba conta cun inventario de parcelas públicas, superficie, uso, localización e se o destino actual se corresponde co proxectado ou desenvolvido nos respectivos Plans Parciais, tanto no Polígono como na Estación de Autobuses e Ambulatorio”, explicou Mª Xosé Fernández.
O noso Grupo Municipal rematará esta quenda cunha interpelación á Alcaldesa, en relación co deixamento do Concello en materia de normalización linguística.
PARROQUIAS, CONVENIO CON PROTECCIÓN CIVIL E AUTÓNOMOS
No capítulo de solicitudes, a primeira e relativa á rehabilitación da Ponte de Vilamarín, parte dun compromiso de Vilalba Aberta cos veciños da parroquia de Corbelle. Do mesmo xeito que a segunda e relativa á sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil para o mantemento da operatividade e prestación de servizos. Outro compromiso da nosa formación coa agrupación e unha cuestión que Modesto Renda definiu de “absoluta xustiza”.
Por último, Vilalba Aberta tratará de acadar o consenso plenario de cara á apertura dunha segunda liña de axudas para autónomos e empresas “que quedaran fóra das aprobadas” e onde engaderán “a aqueles/as que, sendo incluídos na primeira liña, non recibiran a correspondente axuda por duplicado a pesares de teren dous establecementos.”