O cumprimento da lexislación en materia de normalización lingüística segue a ser materia pendente no Concello de Vilalba. Así o denunciou o Grupo Municipal de Vilalba Aberta, a través do rexistro dunha iniciativa que terá a súa canalización no vindeiro Pleno Ordinario de Novembro.
Tal e como explicou a membro da nosa coordinadora, Iria Currás, a interpelación atopa fundamento no “total deixamento” do equipo de goberno, en tanto que “garante do uso do galego no ámbito da administración local.” Así, denunciou, o “desprezo á lingua propia no conxunto das comunicacións e emisións oficiais, exemplifícase nas convocatorias das sesións plenarias.”
Un “incomprensible” xeito de proceder que, censurou, “se alonga xa por dous anos e medio de lexislatura” e que, en palabras de Currás “é especialmente grave ao contar ata hai poucas datas o Concello de Vilalba cun Servizo de Normalización Lingüística delegado para tal fin.”
Así mesmo, dende Vilalba Aberta lémbrase a necesidade de que a lingua galega ocupe o lugar que lle corresponde como lingua propia e cooficial de Galicia “non só no eido da administración senón tamén na veciñanza e moi especialmente no día a día das novas xeracións de falantes.”
A este respecto, Currás, puxo como exemplo do desleixo municipal neste ámbito, referenciando a escrita empregada nun dos xogos do novo parque infantil da Praza da Constitución.
“Os representantes municipais deberan ser exemplares no emprego da lingua galega e o mínimo esixible sería o compromiso de poñela en valor dende un punto de vista lingüístico, usándoa de forma correcta” remarcou.