Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades da veciñanza das parroquias. Logo de varias visitas e xuntanzas na de San Simón, o noso Grupo Municipal vén de rexistrar unha nova iniciativa (a debater xa no Pleno Ordinario deste mes) coa que pretenden dar resposta ás demandas dos veciños/as, pola vía do arranxo e posta en valor da coñecida como “Ponte das Cancelas”.
A estrutura, encravada nun antigo camiño a aproximadamente 150m da pista que une os barrios de Estremil e Catadoiro, está inservible dende hai case unha década, polo que a solicitude de restauración (tanto do camiño como da propia ponte) exposta na proposición de Vilalba Aberta, redundaría nunha notable mellora das comunicacións en beneficio das xentes desta parroquia vilalbesa.
Dende hai varios anos, estes veciños/as veñen reclamando aos sucesivos gobernos municipais que se atenda esta solicitude; mais, tal e como lamentou o noso voceiro, Modesto Renda, “nin PP nin PSOE quixeron escoitar.”
REHABILITACIÓN DA PONTE E POSTA EN VALOR DO CAMIÑO QUE COMUNICA OS BARRIOS DO VALADO, CATADOIRO E REGUEIRIÑO
“A rehabilitación da ponte e a lóxica posta en valor do camiño daríalle un grande servizo á parroquia, nomeadamente aos barrios do Valado, Catadorio e Regueiriño, pois suporía un atallo que evitaría moitas voltas e perdas de tempo á xente que ten explotacións e fincas pola zona”, explicou Renda.
Unha opinión compartida pola nosa compañeira e vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, quen contextualizou a iniciativa como “unha proposta de sentido común”, pois “con unha pequena inversión melloraríanse substancialmente as comunicacións”.
AGRADECEMENTO Á VECIÑANZA DA PARROQUIA E CHAMAMENTO AO CONSENSO DE TODOS OS GRUPOS MUNICIPAIS
Tanto Renda como Fernández agradeceron a confianza dos veciños/as de San Simón no Grupo Municipal de Vilalba Aberta e apelaron ao consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello de Vilalba, con vistas a facer posible “unha reivindicación de anos” que debera ser, ao fin, realidade “antes do remate da lexislatura.”