Vilalba Aberta vén de facer público o rexistro dunha petición de comparecencia tanto da Alcaldesa como do edil de Medio Ambiente, en relación co actual estado da canceira. Unha interpelación directa ao goberno, que dende o noso Grupo Municipal se vinculará, así mesmo, ao deixamento de funcións do Concello, en relación coa súa responsabilidade no que ten que ver co traslado de animais ao Centro de Recollida.
A secretaria da Asoc. Os Peludiños, na actualidade, membro da asemblea de Vilalba Aberta, Ana Paredes, cualificou de “vergoñento” o estado das instalacións e denunciou a “inacción do goberno”, en relación co comprometido mantemento das mesmas.
“O Concello é, dende Maio de 2020, o responsable do mantemento e de velar pola hixiene da canceira. Lamentablemente, a un ano vista, o abandono é total e os damnificados son os animais que nela agardan polo traslado”, censurou.
Unha opinión compartida polo noso voceiro municipal, Modesto Renda, en última instancia, encargado de trasladar ao pleno unha realidade que – lamentou – “lembra demasiado á das lexislaturas do PP á fronte do executivo municipal”.
É por isto que requirirá do goberno do PSOE toda a información, en relación co convenio de colaboración subscrito co centro de recollida Garatuxa, así como ao respecto do xeito no que, actualmente, estas recollidas se están a realizar.
Así mesmo, solicitarase a remisión das fichas de recollida dos animais dende o momento da firma do convenio e esixirán explicacións ao respecto dos retrasos nos traslados, máis alá do máximo estipulado de 24h.
Outra cuestión fundamental a contrastar para Vilalba Aberta é se os animais están a saír ou non con microchip das instalacións municipais e se o sistema de traslado cumpre co establecido pola Lei de Benestar Animal de Galicia.
Por último, e na liña do anterior, o Grupo Municipal de Vilalba Aberta demandará da Alcaldesa información clara, ao respecto de se o Concello entregou algún animal sen microchip identificativo a algunha persoa que non fora o seu dono e/ou persoal do centro de recollida.