Vilalba Aberta vén de rexistrar unha solicitude de urxencia no Concello, co fin de que o goberno do PSOE proceda á inmediata convocatoria dunha Comisión Informativa de Urbanismo que aborde a situación da Rúa da Pravia, logo de máis dunha semana de peche.
O noso Grupo Municipal sae así ao paso da preocupación da veciñanza da máis céntrica arteria vilalbesa, facendo, así mesmo, súa á inquedanza do comercio e a hostalaría da zona pola falta de información e transparencia do Concello, en relación co futuro inmediato da citada vía.
Tal e como lembrou hoxe a nosa vicevoceira municipal, Mª Xosé Fernández, “que a 10 días do derrube e posterior incendio, a veciñanza e os comerciantes non conten nin coa máis mínima información do que o equipo de goberno ten pensado para a rúa, é algo inconcibible”.
Así mesmo, a concelleira de Vilalba Aberta precisou que, se ben, Vilalba Aberta “ten as ideas claras” en relación co futuro da mobilidade no casco urbano, o primeiro que debera facer un goberno é “informar puntualmente á veciñanza” que, como é o caso da que vive ou ten os seus negocios na Rúa da Pravia, resulta a “principal afectada polo conxunto de cambios e/ou restricións.”
Unha opinión compartida pola nosa compañeira e número 4 de Vilalba Aberta nas pasadas eleccións municipais, Mónica González, quen lembrou que unha “obra maior” como a que se presupón para a zona afectada, debería partir dun “consenso amplo tanto da veciñanza como dos grupos con representación municipal, e nese senso a iniciativa de Vilalba Aberta”.