O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de promover unha solicitude conxunta da oposición, co fin da inmediata convocatoria dun pleno extraordinario que desbloquee a posta en marcha dun programa de axudas a autónomos e empresas para o Concello de Vilalba.
Unha medida “de urxencia”, que tal e como explicou o noso voceiro municipal, Modesto Renda, chega como consecuencia da “irresponsabilidade dun goberno municipal” que – denunciou – “leva máis dun mes paralizando e dando largas” á convocatoria da terceira e última xornada da negociación acordada no Pleno Ordinario de Xaneiro.
Así, lembrou, logo das dúas primeiras xuntanzas (4 e 8 de marzo), e “toda vez trasladada a vontade dos grupos da oposición de chegar a un consenso” pola vía dunha última reunión na que se lle dera voz aos sectores afectados; o goberno do PSOE suspendeu unilateralmente o avance.”
A petición permitirá, ademais, forzar ao goberno a aceptar a orde do día proposta, baixo obriga de convocar a devandita sesión extraordinaria nun prazo máximo de 15 días hábiles.
É por isto que, máis alá da aprobación da proposta de bases reguladoras que goberno e oposición tiñamos xa acordada con anterioridade á paralización das negociacións, incluímos como segundo punto a incorporación dun total de 350.000€ procedentes do remanente municipal, que, tal e como se especifica na documentación, “se efectuará cos medios oportunos, unha vez rematada a liquidación do orzamento correspondente ao ano 2020″, como garantía de que as axudas cheguen o antes posible á conta corrente dos autónomos e pemes vilalbesas.