I. AUTÓNOMOS E EMPRESAS
1. Inmediata posta en marcha do Plan Municipal de Axudas Directas autónomos e empresas. Actuar de xeito inmediato diante das consecuencias derivadas da crise económica provocada pola aparición da COVID-19, outorgando liquidez aos traballadores autónomos e pemes locais, contribuíndo a facilitar o cumprimento dos seus deberes empresariais, axudar ao seu mantemento e reforzamento contribuíndo, así, a institución municipal á protección do emprego e, en consecuencia, ao da pequena e mediana economía do Concello.
2. Exención de taxas aos establecementos afectados polas medidas de peche temporal. Que os negocios afectados polas medidas de cese temporal de actividades establecidas pola Xunta, se vexan beneficiados pola exección do pago das taxas de recollida do lixo, subministro de auga e saneamento, dende o 27 de xaneiro (día de entrada en vigor da orde autonómica) ao día do levantamento das restricións. Unha medida de sentido común que afectaría dunha forma directa tanto aos profesionais da restauración e a hostalería, como aos propietarios de centros deportivos e ás emprendedoras do sector do ocio infantil e que se sumaría ás exencións e bonificacións en taxas e impostos municipais decretadas polo Concello, cando Vilalba Aberta formaba parte do Goberno Municipal.
3. Orzamentar a revitalización e posta en valor do Mercado de Abastos, en cumprimento da negociación acordada no Pleno Ordinario de Marzo.
II. POLÍTICAS DE CONCILIACIÓN PARA AS FAMILIAS TRABALLADORAS
4. Posta en marcha do Sistema Municipal de Cheques Axuda para a Conciliación aprobado no Pleno Ordinario de Xullo, a iniciativa de Vilalba Aberta. Unha iniciativa complementaria ao Programa Municipal de Axudas Directas, en tanto que incidiría no necesario impulso á actividade económica no termo municipal (sector do ocio infantil / ludotecas),e cuxa finalidade é a de contribuír á necesaria conciliación da vida laboral e familiar, sempre que ámbolos dous membros da unidade familiar traballen fóra do fogar e en horarios coincidentes.
A contía dos cheques axuda corresponderíase cun total por cheque/unidade familiar de 150€/mes no caso de un/unha menor; 300€/mes no caso de dúas/dous e 500€/mes no suposto de tres ou máis, sendo beneficiarias as familias onde a renda da unidade de convivencia non supere os 1500€ netos mensuais se ten un fillo/a ao seu cargo ou 1800€ netos mensuais con dous fillos ou máis.
5. Posta en marcha dun Servizo de Transporte Escolar Público, na liña do demandado polas familias usuarias do servizo de madrugadores.
III. AUMENTAR AS INVERSIÓNS NAS PARROQUIAS
6. Que a aplicación orzamentaria do Fondo de Compensación Ambiental – que financia o Canon Eólico – reverta directamente nas parroquias. Unha proposta que xa figuraba no acordo de mínimos entre PSOE e Vilalba Aberta, sen que fora respectado por parte da Concellería de Infraestruturas no contexto do Goberno de Coalición, destinándose unha vez máis esta partida a unha actuación urbanística no seno do casco urbano.
Os fondos, preto de 200.000€,transferidos pola Xunta aos municipios en función da cantidade de aeroxeradores instalados no seu territorio e da lonxitude das liñas de evacuación da enerxía xerada nos parques; permitirían que as 29 parroquias puideran verse beneficiadas de importantes actuacións de competencia municipal.
7. Redacción conxunta dun Plan Anual de Ordenación das actuacións sobre os diferentes camiños e pistas. Unha proposición, que ten por obxecto superar da ineficaz política de rebacheo, pola vía de calendarizar tanto o orzamento como a atención inmediata aos casos máis urxentes e así ter o Concello marxe suficiente para planificar, utilizando os medios propios dispoñibles e dándose a lóxica preferencia ás vías en peor estado.
8. Continuidade á progresiva rehabilitación das Casas Escola das parroquias, pola vía dun reaxuste no capítulo de subvencións.
IV. REFORZAMENTO DOS SERVIZOS PÚBLICOS
9. Orzamentar a renovación do contrato do Servizo de Recollida de Lixo e Limpeza Viaria nos termos comprometidos. Un servizo público fundamental a reforzar, que está fóra de contrato dende Outubro.
10. Orzamentar o comprometido reforzo do Servizo de Axuda no Fogar en aras do equilibrio presupostario.
11. Fondo de compensación municipal co fin de que o Concello asuma os recibos dos veciños/as afectados pola problemática da traída toda vez que, se non se actúa, o problema volvera a repetirse. Porque non se pode consentir que veciños de Vilalba se vexan na necesidade de elixir entre comprar garrafas para cociñar e lavarse, ou facelo na mesma auga turbia que, iso si, lles cobrarán igualmente a prezo de auga limpa.
V. PRIORIDADE PARA O CENTRO DE DÍA
12. Deixar prevista xa a consignación de crédito pactada e vincular, despois, á Deputación e á Xunta a fin de que a posta en marcha do centro poida ser unha realidade na presente lexislatura e cumprir, así, cun compromiso ineludible.
VI. FINANCIAMENTO DO MUSEO DE PREHISTORIA E ARQUEOLOXÍA
13. Blindar nunha cantidade fixa a partida anual de fondos aportada polo Concello. Poñer fin á escaseza de recursos que dende hai anos ven padecendo o MUAPV, pola vía dun acordo que sexa quen de superar a actual situación de dependencia que a institución ten con respecto á Asociación de Amigos do Museo,
VII. ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS
14. Pór a disposición dos vilalbeses o 3% do total (arredor de 360,000€) para que sexa a sociedade civil a que decida onde e como gastar ese diñeiro. A idea, que se asenta na propia dinámica e proceso de conformación do Orzamento, ten por obxectivo o de escoitar as demandas veciñais, das asociacións, das entidades e colectivos.