“Fundamentais, pero precarias. Desconfinar os dereitos nos coidados”. Ese é o lema elixido por Vilalba Aberta, de cara á celebración, este luns, do Día Internacional da Muller Traballadora.
Un chamamento, a través do que pretendemos pór o foco na situación sociolaboral de moitas vilalbesas, traballadoras no sector dos coidados, e diante da que, consideramos, cómpre dar unha resposta.
Tal e como lembrou a nosa vicevoceira municipal, Mª Xosé Fernández, “a estatística segue a sinalar aos traballos de coidados como sinónimo de precariedade, nos que se perciben os peores salarios e en peores condicións laborais, con xornadas parciais e dereitos non recoñecidos.”
Así mesmo, a concelleira de Vilalba Aberta non quixo esquecer a invisibilidade dos labores de coidados ”non remunerados”, e de “todo ese tempo de traballo realizado de balde, principalmente polas mulleres, pero do que se beneficia o resto da sociedade.”
Na mesma liña se pronunciou a nosa compañeira María Pérez, educadora social de formación, considerando “máis acaído que nunca” o lema e a propia campaña, pois, explicou, “todas as persoas precisaremos nalgún momento das nosas vidas dos coidados”.
Pérez, que puxo en valor a dureza de traballar con persoas maiores e dependentes, que precisan de axuda e apoio para todo (ou case todo), fixo fincapé nos riscos psicosociais derivados do estrés “que despois levamos para as nosas casas”. Un traballo “non recoñecido nin pola sociedade nin polas administracións, minusvalorado, precario e con baixos salarios”, lamentou.
O DÍA A DÍA DO PERSOAL DO SAF, O MELLOR EXEMPLO
A situación laboral nos Servizos de Axuda no Fogar dependentes dos concellos é, para Vilalba Aberta, o mellor exemplo do anterior. Así o explicou Mónica González, quen vinculou “a privatización e as concensións por contías cada vez máis baixas” á “redución nos salarios e nas condicións laborais das traballadoras.”
González denunciou os horarios imposibles, ás veces “a demanda”, así como as dificultades derivadas de traballar a domicilio, unidas á “total” ausencia de prevención de riscos laborais. “Nun centro hai camas articuladas ou grúas, nun domicilio non tes axuda de ningún tipo”, sinalou.
UN TRABALLO “DE MULLERES”
As tres representantes de Vilalba Aberta coincidiron na necesidade de pór en valor ás traballadoras dun sector “especialmente feminizado” porque, como ben lembrou Fernández, “a meirande parte da poboación considera natural que as tarefas de coidados sexan realizadas polas mulleres”.
Por iso, sinalou como un dos maiores desafíos para abordar a desigualdade socioeconómica, “transformar estes mandatos culturais de xénero que as persoas asumimos en moitos casos sen cuestionalos, ás veces inclusive en contra dos nosos propios intereses”.
Unha problemática que cualificou como “estrutural” e que se traduce nunha “lamentable realidade” onde as coidadoras primarias na familia traballan gratis e as coidadoras en centros públicos, privados, ou no mesmo fogar, están mal pagadas e desenvolven o seu labor en situacións de precariedade e mesmo explotación en moitos casos”.
RESPONSABILIDADE INSTITUCIONAL
Fronte a iso, a vicevoceira de Vilalba Aberta sinalou ao Estado e á Xunta de Galicia como culpábeis da precarización de decenas de veciñas que traballan no sector dos coidados, “ben sexa mediante unha xestión directa por parte da administración pública fóra do Concello, ou aquí baixo a rémora da privatización.”
“Sinalamos directamente a todo un sistema que, baixo o eufemismo do benestar, precariza deliberadamente e converte a miseria de moitas en cartos para uns poucos”, declarou.
Así mesmo, Mª Xosé Fernández non deixou pasar a oportunidade para denunciar o “desmantelamento de empregos de calidade que deberían ser públicos, deixando ao rural sen atención primaria, reducindo os recursos da atención especializada, deixando sen recursos o ensino público e os servizos sociais, poxando o prezo do traballo de coidados, ao servizo de intereses económicos alleos.”