O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova solicitude, a fin de instar ao equipo de goberno local a cumprir coa súa responsabilidade diante dos propietarios de solares sen limpar.
Unha iniciativa, que en palabras de Modesto Renda pretende “deixar atrás a inacción municipal respecto á multitude de solares urbanos, cuxos donos os manteñen en condicións de absoluto abandono, causando problemas non só de convivencia para os seus veciños/as senón mesmo de salubridade para o resto da comunidade.”
Neste senso, chamou a seguir o exemplo daqueles concellos que “si están a cumprir”, facendo especial referencia ao caso do Concello de Lugo onde, remarcou, “ou limpas o solar ou o Concello vaicho limpar e vaicho cobrar. E ao final valo a ter que pagar”.
Renda, que contextualizou o requirimento de Vilalba Aberta nas múltiples denuncias veciñais en relación coa inacción do Concello a este respecto, explicou tamén o procedemento que, dende hai anos, se segue na maioría de municipios da contorna, isto é: “Comunícaselle ao dono para que limpe, e este ten un prazo de 15 días para facelo ou recorrer. A partir de aí, é cando o Concello pode comezar a impoñer sancións.”
“O Concello é o encargado de velar pola convivencia e o estrito cumprimento da normativa; mais nada cambiará, namentres aqueles propietarios incívicos non teñan claro que ao final se lles vai reclamar a multa, os traballos de limpeza e os intereses.”, sentenciou.
Na mesma liña se manifestou a súa compañeira de grupo e vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, agradecendo ao conxunto de veciños/as afectados a súa confianza en Vilalba Aberta, “logo de se atopar unha e outra vez co silencio do goberno, toda vez que acudían ao Concello para facer patente a súa situación.”
“As denuncias veciñais foron fundamentais, pois permitíronnos saber da dimensión da problemática. Por suposto, levarémolo a Pleno e o Goberno terá, ao fin, que contestar e, agardemos tamén, actuar.” Afirmou.