O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova solicitude, co fin de instar ao equipo de goberno local á instalación dunha carpa nas inmediacións do Centro de Saúde. Unha proposta que, de levarse a cabo, permitiría resgardarse do frío e da choiva aos veciños/as e usuarios que teñan que gardar quenda a primeira hora da mañá.
A iniciativa, que en palabras do noso voceiro municipal, Modesto Renda, “pretende seguir o exemplo do Concello de Ribadeo”, sería custeada integramente polo Concello durante os meses de inverno, pois, tal e como lembrou o edil, “A Xunta de Galicia desentendeuse deste tipo de instalacións, mais, canto menos, manifestou que non se oporía a que os Concellos as colocaran”.
Neste senso, Renda contextualizou a medida na “necesidade de dar resposta ás demandas veciñais e mellorar a actual situación, facendo máis humana a espera da xente, pois a intemperie, que non é agradable para ninguén, é especialmente perigosa para as/os usuarios de idade avanzada”.
Así mesmo, o noso voceiro remarcou que a carpa debería ser instalada por unha empresa profesional deste ámbito e en estrita coordinación co persoal do Centro de Saúde, en tanto que “principais coñecedores das necesidades a adoptar” e co obxectivo de “garantir unha correcta circulación do aire, a fin de minimizar o risco de contaxio.”