O Grupo Municipal de Vilalba Aberta reuniuse na tarde de onte cunha representación do comercio asociado, co fin de escoitar e analizar polo miúdo as problemáticas do sector co Concello dende que se consumara a ruptura do pacto de Goberno, co unilateral cese por parte da Alcaldía de Modesto Renda, coma concelleiro de goberno delegado nas áreas de Comercio e Turismo.
A xuntanza, que se prolongou por máis de hora e media e da que tomaron parte o noso voceiro e concelleiro Modesto Renda e a tamén edil e vicevoceira do noso Grupo Municipal, Mª Xosé Fernández; representou o primeiro encontro físico coa veciñanza logo da saída de Vilalba Aberta do Goberno e, tal e como lembraron hoxe diante da prensa, “Non foi por casualidade, pois queríamos que fora precisamente con eles/as, isto é: co sector comercial e de servizos”, en tanto que “un dos principais afectados pola crise da covid no noso termo municipal”.
Neste senso, non quixeron deixar pasar a ocasión para lamentar o “incomprensible desleixo do Goberno en minoría do PSOE en Vilalba co sector”. Unha situación que, en palabras de Modesto Renda, “ten perplexo ao conxunto do comercio asociado” e que, tal e como nos trasladaron na xuntanza, se exemplifica na negativa por parte do Goberno Municipal a escoitar as súas demandas nunha “solicitada, mais denegada reunión”; na “desinformación e desorganización” no reparto de EPIS, co agravante da decisión do executivo socialista de vinculalo ao programa “Compite Vilalba” (só os inscritos ao mesmo – e nin tan sequera todos – estarían recibindo o material); así como na “parálise” e nas “cortinas de fume constantes” do Equipo de Goberno, co fin de non por en marcha a aprobada proposta de Programa Municipal de axudas directas a autónomos e pemes de Vilalba Aberta, sendo o punto que “desbordou o vaso” a “surrealista proposta de sistema de bonos” anunciada en prensa por parte do PSOE.
A este respecto, e ao tempo que manifestamos a nosa satisfacción pola “grande acollida” que a proposta de programa de axudas directas de Vilalba Aberta tivo entre o conxunto dos e das comerciantes; compartimos argumentación e análise co comercio asociado e cualificamos de “ocorrencia” a proposta de bonos do Goberno Municipal, en tanto que “cortina de fume” para obviar a posta en marcha do aprobado en Pleno.
“Ao Goberno fixémoslle o traballo en termos de memoria económica, pero sobre todo de tramitación. Só ten que dar inicio ao expediente.” apuntou a este respecto Modesto Renda, ao tempo que lembrou que noutros concellos o sistema de bonos “é, como moito, un complemento aos diferentes programas de axudas directas a autónomos e pemes, non o sistema de axudas en si mesmo.”
Un auténtico “sen sentido baixo o punto de vista do comercio asociado”, que nace froito da “improvisación do decidido a última hora para non respectar o acordo plenario”, sentenciou.
Neste senso, Vilalba Aberta deixou claro na xuntanza que non apoiará en Pleno ningún sistema de bonos e similares, namentres non se cumpra co xa acordado e aprobado e se dea inicio ao procedemento preceptivo, co fin da posta en marcha do Programa Municipal de axudas a autónomos e Pemes ao que estaba vinculada a proposta de acordo, aprobada na sesión ordinaria do Pleno atrasado de Maio.
Unha proposta de bases reguladoras, que foi trasladada e contrastada previamente á súa exposición coa intervención municipal e que, de acordo co resultado da votación no antedito Pleno, debería constituír a base sobre a que se artelle, en termos económicos e de tramitación, o necesario por reivindicado Plan Municipal.
Na mesma liña se pronunciou a nosa concelleira, Mª Xosé Fernández, remarcando a “inexplicable hostilidade” por parte do goberno do PSOE ao programa de axudas de Vilalba Aberta, por se tratar dunha iniciativa “da nosa formación” e que, “no seno do goberno de coalición xa trasladamos hai dous meses, caendo en saco roto”; mais tamén porque “a tramitación require dunha dinámica de traballo e de organización e planificación da que a día de hoxe carece o Concello, froito da ineficacia na xestión interna por parte do Goberno Municipal”.