“Algúns dos eixos do noso programa son a aposta pola democracia participativa directa, o rescate das concesións dos servizos públicos e o desenvolvemento local sostible”
Profesor de música e estudante de Xeografía e Historia, Modesto Renda Santiso, preséntase candidato á alcaldía de Vilalba por Participación Democrática Directa –Vilalba Aberta.
Como afronta os comicios electorais do 24 de maio? Con que obxectivos?
Unha das cuestións que Vilalba Aberta veu a situar no centro do debate político foi a do protagonismo veciñal e que polo tanto, foran os veciños e veciñas quenes, a través dun proceso aberto e asembleario, elixiran aos seus candidatos e candidatas en contraposición a outras fórmulas onde as listas se deciden a porta pechada. Neste sentido, e dende a máxima humildade, afróntoos coa responsabilidade que implica o feito de obter, froito da nosa pluralidade, a confianza non só de quenes pensan coma min, senón tamén dos que non o fan e coa única ambición de ser unha ferramenta nas mans dos veciños e as veciñas.
Cales son os principais puntos do voso programa electoral?
Contextualizando que nos atopamos nun proceso de elaboración colectiva que imposibilita profundizar en determinadas propostas en tanto que non están aprobadas polas áreas de traballo programático; algúns dos eixos en torno aos cales se artellará o noso programa serán a aposta pola democracia participativa
mediante fórmulas de participación directa tales coma os orzamentos participativos e os referendos vinculantes; o rescate das concesións dos servizos públicos; o desenvolvemento local sostible, así coma a impostergable tarefa de rematar coa elaboración do PXOM. Tamén o compromiso co noso rural, continuamente esquecido fóra dos períodos electorais, mediante a implicación do concello na elaboración de programas de desenvolvemento e diversificación rural para impulsar a agroindustria; a creación de Consellos Sectoriais (Cultura, Deportes, Consello Escolar Municipal…)e a promoción dunha cultura formadora que ademais de potenciar o autocoñecemento poña en valor a nosa lingua.
Algunha actuación concreta para desenvolver nun período determinado?
Dende o minuto un; auditoría veciñal das contas municipais a fin de coñecer o seu estado real ademais de, con luz e taquígrafos, comprobar a quen ou a que empresas se beneficiou con diñeiro público para poder tomar canto antes o control sobre o gasto e dar comezo ao progresivo camiño cara a remunicipalización e a xestión directa dos nosos servizos públicos.
No caso de ser elixido alcalde, que modelo de rexedor seguiría?
Comparto a idea de municipalismo que propón a que, estou convencido, será a nova alcaldesa de Barcelona, Ada Colau. Porque, coma ela, creo que fronte á lóxica da competitividade, a privatización e a especulación é posible recuperar o concello para os veciños e veciñas promovendo a cooperación, a xustiza social e a corresponsabilidade. Tamén creo posible rematar co clientelismo e as malas prácticas no exercicio da política; pero, sobre todo, poñer a dignidade das persoas no centro de toda política pública priorizando os obxectivos por diante das siglas e sumando ao máximo número de xente posible, con amplitude de miras, valentía e moita xenerosidade.
Como definiría a xestión do actual rexedor na última lexislatura?
Cumpre co papel desa minoría que ao longo deste anos converteron o que era de todos no patrimonio duns poucos ao tempo que acataban o “ordeno e mando” que lles chegaba dende arriba. Os e as que o único xeito que temos de sair adiante é traballando, estudando ou intentado sacar a diante unha pequena empresa, ímolos botar.
Cre que deberían estar limitados o número de mandatos na alcaldía?
Coido que é unha cuestión susceptible de ser consultada aos veciños e veciñas en referendo.
E como defendería as políticas do seu partido de cara aos veciños e veciñas do municipio?
Gañar Vilalba é un reto difícil, pero ilusionante. E para iso é precisa unha candidatura veciñal con vocación de maiorías que se organice dende a base e nos permita transformar as institucións en beneficio dos veciños e veciñas.