Todo o noso agradecemento a todas e a todos cantos crestes que é posible outra forma de entender a política municipal e que é posible cambiar as cousas se poñemos o noso gran de area, un a un, tod@s xunt@s, construíndo dende a base.
Porque non pertencemos, nin queremos formar parte da mesma trincheira dos que nos queren impoñer as súas regras e privilexios, dos que nos intentan convencer de que non hai outro camiño, que é imposible mostrarnos como somos e que estamos tolos se non seguimos o camiño marcado.
Demostramos que sen endebedarse en millóns de euros para unha campaña a nivel nacional ou estatal, senón con achegas individuais, falando na rúa, con pancartas caseiras e carteis deseñados por nos mesmos, con mensaxes que todos entenden, con ilusión e crendo no que facemos e dicimos, ademais dun esforzo persoal impagable, podemos cambiar as cousas e mirar o futuro con esperanza.
Dixemos dende o primeiro día que a nosa iniciativa non naceu para ocupar un espazo máis nesta sorte de mercado electoral, senón para proxectarse coma unha metodoloxía para o protagonismo e o empoderamento veciñal. Un camiño que aínda incompleto, xa comezamos a percorrer e no cal debemos seguir a profundizar.
O noso desafío agora é o de construír xunto a todas e a todos vós unha alternativa de goberno para o noso Concello.
O fin do caciquismo e o clientelismo institucional xa comezou a escribirse este domingo; pero somos conscientes do traballo que aínda teremos que levar a cabo para confirmalo.
Todos xuntos somos quen, e estamos en camiño de demostrar que SI SE PODE!
Grazas por darnos aínda máis esperanza e ilusión. Poñámonos a traballar, porque os imos botar!