Dende o noso nacemento coma asemblea, o principal eixo vertebrador da nosa actividade pasa por fomentar a participación veciñal coma único xeito, ao noso xuizo, de sentar as bases para o cambio político nun sentido transformador no noso Concello.
Neste sentido e coincidindo co comezo, este mes de outubro, da actividade municipal coa celebración do que será o primeiro pleno ordinario da lexislatura; a nosa primeira iniciativa pretende que unha das dúas mocións que, tras a súa limitación aprobada na xunta de protavoces cos únicos votos en contra de Vilalba Aberta e BNG, lle corresponderá defender a Vilalba Aberta sexa a que todas e todos vos decidades coa vosa participación a través da ferramenta que no día de hoxe vos queremos presentar. Les ben, queremos que sexades os veciños e veciñas os e as que decidades unha parte das problemáticas que posteriormente nós denunciaremos nos plenos.
Pero isto tan só será posible nun de cada dous plenos ordinarios, debido a que Vilalba Aberta forma parte xunto ao Bloque Nacionalista Galego do Grupo Municipal Mixto, o que na práctica significa que das tres mocións que que lle corresponden a dito grupo; estas deben repartirse entre ámbalas dúas forzas políticas sendo Vilalba Aberta a que conte con dúas delas nun pleno, para no seguinte dispoñer tán só dunha en favor do BNG e viceversa. Estamos a falar dunha situación inédita na vida municipal do noso Concello , en tanto que nalgunha das sucesivas lexislaturas do coñecido coma período democrático nunca existiu como tal unha limitación no número de mocións e tanto o Partido Socialista coma o Bloque Nacionalista Galego, contaron con grupo municipal propio mesmo sen acadar o mínimo de tres representantes no concello.
O proceso para participar é moi sinxelo; e cun teléfono movil así coma unha dirección de correo poderedes completar o seguinte formulario de participación, dende o cal poderedes expoñer a vosa suxerencia ou proposta de moción.
Entendemos que esta ferramenta terá as súas limitacións, polo que pedimos que tratedes de facilitarlla a todos aqueles veciños e veciñas que poidades ver interesados e que non dispoñan de acceso a internet. As nosas asembleas son unha opción moi valiosa neste sentido. Ademais o noso compañeiro Modesto estará á vosa disposición para solventar calquera dúbida que poidades ter a través dos seus teléfonos de contacto: 627 68 23 21 durante todo o día e no 982 51 10 38 a partires das catro da tarde pola semana e tamén durante todo o día nos fins de semana.
Pedímosvos por último que nos axudedes a difundilo entre os vosos amigos e amigas polas distintas redes sociais: facebook, twitter, whatsapp, telegram, e-mail e por suposto mediante o boca a boca ou calquera medio que se vos ocorra.
Xunt@s e dende a base ímolo conseguir!