Dous anos despois da celebración do que foi o primeiro Orgullo LGTBI da historia de Vilalba, e de novo organizado por Vilalba Aberta, o noso Concello volveu sumarse á chea de vilas e grandes cidades que puxeron en valor a diversidade sexual e de xénero. Unha xornada, que deu comezo cun primeiro debate aberto moderado pola nosa compañeira María Pérez e no que participaron Carmen Granxeiro, directora de cine, artista audiovisual e activista LGTBI; Pablo Zas, membro do Observatorio contra a LGTBIfobia; e Jesús García Crespo, integrante da Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual (ALAS).
Non faltou tampouco a música nunha xornada que, sen deixar ao lado o aspecto reivindicativo, tamén contou con baile e festa. A lectura dun manifesto puxo fin ao programa de actividades e a persoa encargada de representar o colectivo coma pregoeiro foi o estudante e veciño de Vilalba, Alfonso Bermúdez Prado.
“Pretendemos confluír coa veciñanza na defensa das e dos que non poden expresar a súa sexualidade con liberdade”, declarou no transcurso da xornada a nosa compañeira e concelleira de Vilalba Aberta, María Xosé Fernández. Na mesma liña se pronunciou o noso voceiro, Modesto Renda, que destacou a importancia de visibilizar o colectivo, pois “ningunha sociedade pode ser considerada democrática e plural se se manteñen ou alimentan situacións de exclusión e de rexeitamento cara a unha parte dos seus membros”.
Na mesma liña, ámbolos dous destacaron a desbordante resposta da veciñanza diante da celebración dunha xornada que, de novo, trouxo a Vilalba un festexo reivindicativo que xeralmente queda reducido ás grandes vilas e cidades.