Unha medida, que dende a nosa asemblea situamos na necesidade de unir esforzos e optimizar recursos, implicando a profesores, alumnos, nais e pais, así coma ao conxunto da administración e do movemento asociativo.
O reforzamento da rede pública de escolas infantís ata cubrir a demanda do ciclo de 0 a 3 anos, a elaboración dun Plan Integral de Formación Profesional en base ás expectativas de emprego no Concello ou a fiscalización no mantemento das instalacións educativas situadas no termo municipal, entre os principais asuntos a abordar.
Entre as moitas obrigas dun goberno municipal merecente dese nome, debería atoparse a de garantir e salvagardar o bo funcionamento en materia educativa do seu Concello, explorando os propios límites competenciais en tanto que entidade local, e utilizando todos os recursos, tanto económicos como institucionais, legais e humanos ao seu alcance.
Dende esta premisa, resulta imprescindible abordar os problemas e solucións do noso Concello en cuestións de educación co rigor que isto merece e en base a ela, así como á da certeza de que serán os veciños e as veciñas os e as que coa súa participación activa sentarán as bases para unha educación pública e de calidade para as novas xeracións que chegan; queremos presentarvos este noso segundo aporte de cara ao Pleno Ordinario de Xaneiro, pola vía dunha moción relativa á constitución e posta en marcha dun Consello Escolar Municipal para curso académico 2016/2017.
Unha medida, que dende a nosa asemblea situamos na necesidade de unir esforzos e optimizar recursos, implicando a profesores, alumnos, nais e pais, así coma ao conxunto da administración e do movemento asociativo.
A propia lexislación preve diversos mecanismos a fin de facer efectiva a participación de todos os membros da comunidade educativa, sendo os Consellos Escolares nos seus diversos ámbitos de actuación, xunto coas Asociacións de Nais e Pais, de alumnos ou de profesores, un dos elementos máis significativos, e a mesma Lei de Bases de Réxime Local no seu artigo 25.2 concreta que a Administración Local debe “participar na programación da ensinanza, cooperar coa Administración Educativa na creación, construcción e sostemento dos centros educativos públicos, así coma intervir nos seus órganos de xestión e participar na vixilancia e o cumprimento da escolaridade obrigatoria”
O Consello Escolar establécese, pois, como un órgano colexiado de primeiro nivel de importancia e a súa posta en marcha conta, alá onde xa opera a nivel municipal, cun especial tratamento por parte das diferentes institucións, dada a importancia que, dende a maioría se lle presupón, á participación real do conxunto da comunidade educativa.
Dende Vilalba Aberta consideramos que nun Concello coma o noso a cuestión educativa é de primeira orde e dende logo, existen multitude de asuntos que clarificar e mellorar neste campo, isto é; o reforzamento da rede pública de escolas infantís ata cubrir a demanda do ciclo de 0 a 3 anos, a respetiva análise das causas da sobredimensión do custo dos estudos no noso Conservatorio Municipal con respecto ao que acontece noutros Concellos que ofertan tamén estudos profesionais de música, a elaboración dun Plan Integral de Formación Profesional en base ás expectativas de emprego ou o mantemento das instalacións dos nosos centros educativos, entre outras.
Cómpre, polo tanto, axuntar esforzos e aparcar diferenzas á hora de afrontar os asuntos relacionados coa educación, a fin de ser capaces de chegar a acordos negociados na certeza de que iso redundará en beneficio das novas xeracións, e polo tanto do noso propio futuro coma Concello.
Neste sentido a nosa moción, a fin de poñer ao servizo de toda a comunidade educativa do Concello o Consello Escolar Municipal, así coma reclamar por parte do Goberno Municipal o compromiso de encargar a redacción dos seus estatutos a unha comisión formada polo Alcalde ou persoa en quen delegue, representantes das forzas políticas con representación municipal, representantes das AMPAs, representantes dos diferentes Consellos Escolares, representantes do Movemento Asociativo, ademais dun experto/a en materia educativa especificamente convidado para esta tarefa, e a súa vinculación cun prazo que non exceda en tempo ao do presente curso académico para redacción do seu Regulamento e a súa sucesiva aprobación no Pleno, co obxectivo de que o devandito Consello Escolar Municipal poida operar en Vilalba a partires do curso académico 2016/2017.