Esiximos contrastar que accións prevé o Goberno Municipal para poñer fin á situación de inseguridade que se deriva e coñecer as causas de que non se fose quen de dar resposta ás necesidades da veciñanza nesta materia.
As deficiencias estruturais e o mal estado de conservación da rede viaria galega confírmanse cos informes sobre o estado das estradas e as demandas cidadás de mellora, que xeralmente van acompañadas da denuncia de lugares perigosos, mal estado do firme, falta de sinalización vertical e horizontal, así coma unha insuficiente ou mesmo inexistente iluminación.
Fundamentais para o noso tráfico son; tanto a saída da A8 na Magdalena, coma a rotonda da Grandisca, situada nun dos catro accesos ao Concello e confluencia coa autovía de Ferrol (AG-64), coa estrada das Pontes (LU-861) e cun dos accesos ao centro urbano e ao polígono industrial máis utilizados (LU-118).
En Marzo de 2010, o Concello solicitou que a devandita rotonda se vira beneficiada dunha iluminación da que, practicamente seis anos despois, aínda carece. Un tempo, no cal, foron varios os contratempos e accidentes derivados da falta de seguridade que isto provoca.
Paralelamente, foron varios, os veciños/as que, a través das ferramentas de participación que dende Vilalba Aberta habilitamos, se achegaron a nós con motivo de atender os problemas de iluminación que veñen sufrindo en diferentes rúas da vila, tales coma a Rúa Plácido Peña, a de Campo de Ponte, a Cidade de Lugo ou Guadalupe, entre outras.
Neste sentido, e ao tempo que denunciamos publicamente a desidia, a falta de atención unha vez máis aos nosos veciños/as en dereitos tan fundamentais como o da iluminación pública; vimos de rexistrar dúas preguntas relativas á falta de iluminación tanto na saída da A8 na Magdalena coma na rotonda da Grandisca, a primeira, e á insuficiente iluminación nas rúas anteriormente citadas, a segunda, a fin de contrastar que accións prevé o Goberno Municipal de cara á presente lexislatura para poñer fin á situación de inseguridade que se deriva, así coma coñecer as causas de que en todo este tempo non se fora quen de dar resposta ás necesidades da veciñanza nesta materia.