Aprobada por unanimidade, aínda que de xeito parcial, a nosa iniciativa de constitución e posta en marcha do Consello Escolar Municipal.
PP e PSOE impiden a declaración de Vilalba coma municipio oposto ao TTIP, o que implicará a privatización de servizos aínda pertencentes ao ámbito local, ademais de pechar as portas a calquera tentativa de remunicipalización.
O pasado xoves 28 de Xaneiro tivo lugar o que foi o terceiro Pleno Ordinario da lexislatura. Unha sesión na cal, dende a asemblea de Vilalba Aberta, expomos un total de tres iniciativas en forma de moción, así coma dúas preguntas e máis un rogo.
A primeira en ser debatida foi a relativa á declaración institucional do Concello de Vilalba coma municipio oposto ao TTIP. Un tratado de liberación do comercio e os investimentos, impulsado polos lobbies transnacionais e manobrado de costas á cidadanía, que para a nosa asemblea representa unha ameaza, en tanto que antepón o interese comercial ao interese xeral e atenta contra a autonomía das corporacións locais, poñendo en perigo os nosos servizos públicos, así coma o modelo social e laboral do que nos dotamos.
O seu debate foi sen lugar a dúbidas o máis longo da sesión e permitiu, en última instancia, comprobar que, do mesmo xeito que acontece nas institucións europeas, tanto os representantes do Partido Popular coma os que o son do Partido Socialista no noso Concello, se poñen do lado das grandes corporacións multinacionais, antepoñendo así a disciplina de partido aos intereses da nosa pequena e mediana empresa local, así coma ás condicións en materia laboral dos nosos veciños/as traballadores.
Neste sentido, e logo do voto en contra dos nove concelleiros do PP vilalbés e a abstención dos socialistas, o compañeiro Modesto Renda lembrou que os 646 votos a Vilalba Aberta non secundarán a total privatización de servizos aínda pertencentes ao ámbito municipal, a mesma imposibilidade da súa remunicipalización, nin moito menos que se poñan en cuestión o nosos lexítimos dereitos de folga, sindicación ou mesmo o da negociación colectiva, tal e como formula o TTIP.
A segunda das nosas iniciativas en entrar a discusión foi a que tiña que ver coa constitución e posta en marcha do Consello Escolar Municipal de cara ao curso escolar 2016/2017. Unha medida, que dende a nosa asemblea situamos na necesidade de unir esforzos e optimizar recursos, implicando a profesores, alumnos, nais e pais, así coma ao conxunto da administración e do movemento asociativo.
O compañeiro Modesto volveu a poñer de relevo asuntos a clarificar e mellorar neste eido tales coma o reforzamento da rede pública de escolas infantís ata cubrir a demanda do ciclo de 0 a 3 anos, a respectiva análise das causas da sobredimensión do custo dos estudos no noso Conservatorio Municipal con respecto ao que acontece noutros Concellos que ofertan tamén estudos profesionais de música, a elaboración dun Plan Integral de Formación Profesional en base ás expectativas de emprego ou o mantemento das instalacións dos nosos centros educativos, entre outras.
A proposta, que contou co apoio unánime da oposición, recibiu o voto favorable tamén dos representantes da bancada popular. Un voto favorable que, aínda que de xeito parcial ao non se recoller todas e cada unha das matizacións que daban forma ao documento orixinal, posibilita a vinculación do Goberno Municipal a por enriba da mesa e a través dunha comisión de cultura a cuestión do Consello Escolar Municipal por primeira vez na historia do noso Concello.
A derradeira moción a tratar foi a relativa ao uso non agrario de herbicidas con glifosato, a fin da súa prohibición en todos os lugares públicos do Concello, isto é; estradas e redes de servizo, así coma a súa substitución por métodos mecánicos e/ou térmicos non contaminantes, ou por sustancias de comprobada eficacia fronte aos riscos como o ácido acético, capas de geotextil ou mulching, que non danen a saúde nin o medio ambiente. Uns métodos, que xa se están a aplicar na maioría de países da Unión Europea e que teñen, ademais, un maior potencial en termos de xeración de emprego.
Nesta ocasión, o voto favorable da oposición (aínda que con posicións diverxentes no caso do Partido Socialista) topouse cos nove votos en contra do Partido Popular que, estando de acordo no fundamental da nosa reivindicación, votou novamente en contra ao non considerar inexplicablemente risco algún nunha substancia cuxa aplicación en espazos públicos representa un perigo para a veciñanza e os traballadores/as municipais que o empregan, así coma para o noso gando, a nosa flora e a nosa fauna, dada a súa toxicidade.
Xa na quenda de rogos e preguntas, dende a asemblea de Vilalba Aberta quixemos facer nosas as reivindicacións das PEME e autónomos locais, esixindo a instalación inmediata de cámaras para rexistrar a entrada e saída de vehículos do Polígono Industrial así coma unha reformulación na vixilancia policial nocturna, ademaisde interesarnos pola inexistencia de iluminación tanto na saída da A8 na Magdalena coma na rotonda da Grandisca, así coma en varias rúas da vila, a fin de contrastar que accións prevé o Goberno Municipal de cara á presente lexislatura para poñer fin á situación de inseguridade que se deriva e coñecer as causas de que en todo este tempo non se fora quen de dar resposta ás necesidades da veciñanza nesta materia. Un Goberno Municipal, que non foi quen de dar unha resposta convincente a ningunha delas, amparándose como xa acostuma a ser habitual no deixamento doutras administracións así coma na inesgotable escusa das avarías puntuais, que para tanto dan noso Concello.
o pesoe impide a vosa mocion e logo resulta q se abstivo como se come iso????
O PP co seu voto en contra e o PSOE coa súa abstención impiden a declaración de Vilalba coma municipio oposto ao TTIP.