Proposta 1. Medidas transversais. Aposta institucional decidida pola inclusión promoción do galego. Un Goberno Municipal que saiba argumentar e contestar correctamente e dunha maneira clara e contundente os ataques e preconceptos que existen contra a lingua galega. Cómpre elaborarmos un novo discurso atraente e innovador en favor do uso do galego, a través do seguinte marco de actuacións:
- Aposta por políticas que fomenten o plurilingüísmo. Coñecer novas linguas sempre a partir do galego é unha riqueza e unha valía.
- Revitalización da lingua galega en Vilalba, a partir da elaboración dun diagnóstico cuantitativo e cualitativo de partida da situación do galego no concello. Unha análise lingüística cuantitativa e cualitativa, isto é: Puntos fracos, fortes, ameazas e oportunidades, como primeira medida para sermos capaces de enfrontar unha estratexia eficaz para a lingua.
- Marcar obxectivos anuais de incremento no número de falantes de lingua galega, mediante a incorporación de novos falantes e do mantemento dos que xa a falan.
- Apoiar o desenvolvemento cultural, en todas as áreas de coñecemento na lingua galega, sen discriminacións de calquera tipo, pois ela é a maior riqueza do noso pobo.
- Promover a normalización lingüística como senda transversal en todas as políticas municipais.
- Avaliar e procurar o cumprimento de todas as políticas lingüísticas levadas a cabo desde a administración e, polo tanto, dende o Concello.
Proposta 2. Medidas na Administración. Os traballadores municipais, deben ser exemplares no emprego da lingua galega, e deberán comprometerse a mellorala dende un punto de vista lingüístico, usándoa de forma correcta. A este respecto, estableceranse os seguintes mecanismos e recursos:
- Creación dun Servizo Municipal de Normalización Lingüística que desenvolva e coordine as accións de promoción da lingua galega.
- Prioridade do uso do galego a nivel municipal como obriga institucional e en todas as actividades realizadas dentro do concello e dende o concello.
- Establecemento de que nos pregos de condicións dos concursos se inclúa de oficio a cláusula de que “as ofertas e estudos técnicos que se acompañen deberán, polo menos, estar redactados en galego”.
- Liderar o proceso de que todos os concursos públicos teñen que ser enviados polos fornecedores na lingua propia como discriminación positiva. Para iso habilitaranse recursos e ferramentas.
- Establecer que todos os departamentos e organismos dependentes do Concello teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita, así como a súa utilización de todos os cargos electos no exercicio das súas funcións.
Proposta 3. Medidas na Educación e no Ensino. Incrementar o número de galegofalantes en vila e parroquias, por medio do sistema educativo e da transmisión familiar. Realización de actividades de promoción do galego entre as crianzas, en vinculación coas familias, atendendo a ruptura interxeracional do idioma, a través do seguinte marco de actuacións:
- Realización de campañas de sensibilización coa comunidade educativa e nos centros educativos.
- Apoio, promoción e difusión das campañas ou actividades levadas a cabo polas entidades da sociedade civil e do movemento de defensa da lingua que podan axudar.
- Posta en marcha de talleres de lectura” de avós e netos, onde a xente maior transmita a lingua vinculándoa á realización de diferentes e variadas actividades. Estas actividades estarían centradas tanto en nenos, mozos como, en xeral, en persoas que desexaren mellorar o uso do galego co exemplo dos nosos maiores, ao tempo que se valoriza e incrementa a autoestima lingüística colectiva. Sería unha maneira tamén de empoderar a xente maior, darlle valor e prestixio, facendo que se sintan importantes, tendo en conta que a sociedade actual tende a desvalorizar os nosos maiores.
- Elaboración de programas de educación lingüística para migrantes que desexen aprender galego.
Proposta 4. Medidas no lecer e o tempo libre. Fomentar o uso do galego nas áreas da relación e comunicación (cultura, música, ocio, deporte, etc…) e nos medios de uso habitual (TICs, Internet) da mocidade, a través do seguinte marco de actuacións:
Realización de campamentos de verán de inmersión lingüística, que fomenten a idea da visión internacional da nosa lingua.
- Creación dun club infantil-xuvenil desde o que se organice unha programación estable de actividades, en galego.
- Aposta por grupos de música galegos para as festas e festividades organizadas polo Concello.
- Promoción de concursos de música de diversos estilos (rock, metal, pop, indie, fusión, folk etc…) para grupos e bandas musicais que empregaren o galego como lingua vehicular.
- Promoción de concursos literarios (narrativa, poesía, teatro, etc…) en galego e dirixidos á mocidade de diversas idades ata os 30 anos, promovendo e respectando as diversas normativas para o galego.
Proposta 5. Medidas sobre memoria e lingua. Recuperación da Memoria Histórico/Lingüística do noso Concello. Realización de estudos sobre patrimonio cultural (lingua, toponimia, antroponimia, historia, costumes, festas, arquitectura etc…) en colaboración con todas as entidades dedicadas a este fin. Vilalba é rica en nomes de lugares, sobre todo microtoponimia, nomes de leiras, regos, carreiros etc. Ao medrar a vila e as leiras seren convertidas en casas, eses nomes belísimos, preservados por xeracións, quedaron esquecidos.
A este respecto, as actuacións que contemplamos son as seguintes:
- Establecer que todos os traballos topográficos e cartográficos que faga ou encargue o Concello teñan que levar incorporada a recollida da microtoponimia consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia e que o material toponímico recollido sexa remitido ao SITGA, para a súa organización e posta á disposición da sociedade na rede.
- Corrección de toda a sinalización castelanizada do Concello, incluíndo tamén a toponimia etc…
- Realización de campañas de sensibilización social sobre a nosa toponimia, microtoponimia, antroponimia, etc…
- Catalogación e marcación física de todo o patrimonio arquitectónico abandonado do Concello.
Proposta 6. Medidas na economía. Apoio e difusión de todo o tecido e empresarial que faga uso do galego nas súas actividades económicas, a través da creación dun distintivo municipal “Establecementos amigos do Galego” para aqueles comercios, bares, e empresas de todo tipo que usen, dean servizo e teñan a súa propaganda, nome e derivados en galego.
Os establecementos que así o fixeran, poderían poñer este distintivo nos seus locais, así como aparecer nunha listaxe na Web Municipal.