A proposta, que conta con 10 capítulos e máis de 35 artigos e disposicións, nace dunha redacción compartida xunto a colectivos e veciños/as vinculados á loita animalista e está inspirada na Declaración Universal dos Dereitos do Animal.
Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de facer público un borrador de Ordenanza a presentar no pleno do vindeiro luns, a fin de protexer, defender e fiscalizar os dereitos dos animais, así coma de regular os dereitos e deberes dos seus propietarios e a propia convivencia entre os animais que viven na contorna urbana e rural e os seus habitantes.
Porque o feito de integrar un animal de compañía nun fogar debe partir, ao noso xuízo, dun comportamento responsable e racional da persoa que se responsabiliza, ademais de conxugar o principio básico de respecto cara a estes seres vivos con capacidade de sentir e de sufrir co principio de respecto á contorna e ás persoas. Neste sentido, consideramos imprescindible a regulación dos dereitos e deberes da veciñanza así como a da responsabilidade municipal de desenvolver un traballo de control e pedagoxía social que a vincule no seu conxunto.
O documento, que conta con 10 capítulos e máis de 35 artigos e disposicións, comprende diferentes áreas temáticas que versan dende o relativo á tenencia e trato ata o protocolo de actuación diante da problemática dos abandonos, e é o froito dunha redacción compartida xunto a colectivos e veciños/as vinculados á loita animalista.
É por isto, que non queremos deixar pasar a oportunidade para agradecer o interese e a participación de todas e todos cantos fixeron posible que este borrador de regulamento sexa hoxe unha realidade.
Unha proposta ao pleno, inspirada na Declaración Universal dos Dereitos do Animal e que representaba unha materia pendente para unha formación de marcado carácter animalista como é Vilalba Aberta.