Proposta 1. Descentralización administrativa, pola vía da posta en marcha dun sistema de asembleas semestrais de escoita e rendición de contas do Alcalde en cada unha das parroquias. O Goberno Municipal debe achegarse á veciñanza das parroquias do mesmo xeito que á veciñanza da vila e a veciñanza das parroquias debe ter a oportunidade de achegarse ao Goberno Municipal coa mesma facilidade que a veciñanza da vila.
É por isto que queremos facer de cada unha das parroquias un pequeno órgano de representación, onde cada veciña e cada veciño, poida trasladarlle directamente ao Alcalde as cousas que lle preocupan do seu entorno máis inmediato, desde as infraestruturas aos dereitos.
Neste senso, as asembleas semestrais nas parroquias serán órganos de participación e xestión descentralizada que permitirán, tamén, a rendición de contas continuada do Alcalde e do Goberno Municipal.
Na configuración das mesmas, terase especialmente en consideración ao tecido asociativo veciñal, social, cultural, etc., con implantación nos distintos barrios das parroquias.
Proposta 2. Elección do Alcalde/Alcaldesa Pedáneo por parte dos veciños/as das Parroquias. Dende 1979 o PP valeuse da figura do Alcalde Pedáneo, para perpetuar da súa política clientelar. Coa elección democrática, os Pedáneos cumpriran coa función contemplada para os mesmos na Lei de Bases de Réxime Local, isto é: representar ao Concello nas parroquias e trasladar ao Consistorio o conxunto das demandas veciñais.
Proposta 3. Plan Municipal de Transición Forestal, co fin de de reverter o actual estado de abandono do noso monte, facelo economicamente rendible para a veciñanza e máis seguro diante do permanente risco dun incendio. Un triplo enfoque económico, social e ambiental, que pasa por subvertir o actual paradigma curtopracista e de hexemonía do eucalipto.
A este respecto, tres son as actuacións municipais que lle darán forma:
- Establecemento dunha liña de axudas anual aos veciños/as que repoboen con frondosas que, no medio ou longo prazo, resulten moito máis rendibles. Son diversos os estudos que teñen demostrado que o castiñeiro e a produción de castañas resultaría seis veces máis rendible que as actuais plantacións de eucaliptos. A este respecto, un castañal de 15 anos correctamente atendido, pode xerar un produto anual por hectárea de entre 6000 e 8000 euros, fronte aos 1000 ou 2000 que xera un eucaliptal do mesmo tamaño. Unha cifra, calculada tendo coma única consideración a produción exclusiva de castaña, pois, a medio e longo prazo, a súa madeira é un segundo ben rendible. Ademais, existe a posibilidade de compaxinar a venda das castañas directamente con plantas de procesamento; por exemplo, a fariña de castaña ten cada vez maior demanda entre os alérxicos ao glute e o marrón glacé é en toda Europa un produto de alto valor engadido.
- Bonificacións fiscais á diversificación do terreo, co fin de avanzar cara explotacións conxuntas con cultivos de cogomelos, así coma de diversificación tamén cara a práctica da apicultura (en tanto que actividades que, á parte de ser moi rendibles en se mesmas, son beneficiosas para a contorna e para o óptimo desenvolvemento dos castañais). A este respecto, facemos referencia a pioneiras e exitosas experiencias de plantación en varias Comunidades de Montes Veciñais en Man Común do conxunto do País, e que con grandes expectativas de negocio, avanzan xa na multifuncionalidade dos seus montes, así coma na diversificación de actividades coma fonte de ingresos para a súa veciñanza.
- Fiscalización municipal do cumprimento da lexislación vixente en materia de protección contra os incendios forestais, asinando o Concello convenios cos propietarios/as para a xestión, roza e repoboación, no marco de plans de actuacións preventivas para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación. Unha decidida aposta municipal pola limpeza das faixas de protección fronte aos incendios dos que puideramos ser vítimas, da que dende hai anos son exemplos Concellos coma o de Ames ou o de Ribadeo, e que se revelou exitosa, á raíz das últimas vagas de lumes e dalgunhas imaxes moi viralizadas a través das redes sociais, nas que se podía ver como determinadas especies arbóreas autóctonas salvaran da queima os montes, protexendo ademais unha quinta á que rodeaban.
Proposta 4. Plan Municipal de Transición Ecolóxica. Os estudos estiman que o mercado de produtos ecolóxicos está a medrar a un ritmo do 10-15% por ano, e que a achega dos produtos ecolóxicos ao total do mercado alimentario dos Estados membros, experimentou incrementos próximos ao 6%. Ademais, existe unha alta compatibilidade de explotacións ecolóxicas con outro tipo de negocios rurais e empresas dedicadas ao ecoturismo e, con ela, impúlsanse novas áreas de investigación relacionadas coa protección das plantas, o benestar dos animais, os recursos renovables, etc…
Mais non menos importante é a contribución que a agricultura ecolóxica pode xerar no comercio local, recortando a cadea de subministración alimenticia e fomentando o uso de diversas canles de mercado ou sistemas de repartición a partir de pedidos vía Internet, ademais doutras máis novas e diversas oportunidades de comercialización en canles curtas. De feito, os integrantes da cadea de subministración de produtos ecolóxicos están a miúdo activamente involucrados en máis dun elo e os agricultores ecolóxicos participan tamén nas fases de elaboración e comercialización.
A este respecto, as actuacións que lle darían forma ao Plan serían as seguintes:
- Creación dunha Plataforma de Distribución Directa con localización na Paza de Abastos e quedando os veciños vendedores/as (tanto fixos coma eventuais) deste tipo de produtos exentos de pagar por metro lineal cada día que acudan.
- Establecemento dunha Oficina de Asesoramento no Concello.
- Posta en marcha dun taller de emprego sobre agricultura ecolóxica dirixido a mozos desempregados/as con sensibilidade polo mundo rural.
- Subvención municipal da conversión e obtención das certificacións, pola vía do establecemento dunha dotación económica nos Orzamentos 2020 a través de catro partidas específicas.
- Lanzamento dunha campaña de concienciación veciñal para a divulgación e fomento dos valores asociados á agricultura ecolóxica.
Proposta 5. Plan Municipal de Ordenación das actuacións sobre os diferentes camiños e pistas, co fin de superar da “tradicional” política de rebacheo posta en marcha nos meses previos aos períodos electorais. Aplicación de criterios obxectivos que veñan a regular e organizar a actuación sobre as múltiples pistas e camiños da extensa rede viaria de titularidade municipal, orzamentando a atención inmediata aos casos máis urxentes e utilizando os medios propios dispoñibles, para solucionar a situación ata onde sexa posible, dándose preferencia ás vías en peor estado.
Proposta 6. Creación dun fondo de compensación municipal complementario ás axudas da Xunta por danos de lobo e xabaril nos cultivos e no gando. Tanto a liña de axudas por danos como a liña destinada á prevención, están a provocar un importante estado de indignación entre os gandeiros/as e agricultores das parroquias.
A este respecto, e en base ao insuficiente o límite de 1.650€ de indemnización máxima e ás cortinas de fume da Xunta para non valorar con seriedade os danos, incluíndo o lucro cesante, así coma a necesidade de pagar en tempo e evitar as actuais demoras de ata dous anos; propoñemos a delimitación dun fondo municipal de reserva, suxeito ao seguintes condicionantes:
- Contía. O fondo de compensación municipal percibirá, con carácter anual, das arcas municipais o 0,3€ do total Orzamentario (arredor de 36.000€)
- A percepción dunha axuda procedente do fondo municipal, estará vencellada á percepción dunha orde de axuda da Xunta.
- A cantidade de indemnización representará, no primeiro ano de funcionamento, o 50% do delimitado no baremo para o pagamento preestablecido pola Xunta. Así se un gandeiro percibe unha compensación de 658€ por un becerro de raza rubia galega ou 73€ por un cabrito de entre 6 e 12 meses, o fondo de compensación municipal reforzará as indemnizacións con 329 € máis polo becerro e 36,5 € máis polo cabrito.
Proposta 7. Incorporar ao Concello de Vilalba á fronte común de Alcaldes dos Concellos afectados co fin de esixir da Xunta que asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe, cubrindo o 100% dos mesmos e o lucro cesante provocado. Dende Vilalba Aberta non podemos comprender como na última lexislatura o Alcalde non fixera absolutamente nada, a pesares de ser perfectamente coñecedor da situación e de compartir militancia política cos responsables da Consellería. Pero especialmente incomprensible resultou que, o rexedor, non estivera presente na xuntanza dos Alcaldes de Xermade, Muras, Ourol, O Valadouro e Abadín e que se concretou nunha proposta en firme diante da devandita administración competente.
É por isto que a nosa primeira actuación municipal será a de incorporar ao Concello de Vilalba á mesa común de de Alcaldes, co fin de:
- Demandar da Xunta de Galicia que asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe, cubrindo o 100% dos mesmos e o lucro cesante provocado. Un posicionamento, defendido, ademais de polos produtores, por unha boa parte do sindicalismo agrario galego e referenciado neste caso pola recente denuncia do SLG á Valedora do Pobo.
- Demandar da Xunta de Galicia a reelaboración das ordes tanto de prevención como de axudas aos danos provocados por ataques de lobo e xabaril, en base aos seguintes condicionantes:
- A necesidade de retirar a inclusión de requisitos tales coma a obriga de comunicar os ataques nun prazo máximo de 72 horas
- A problemática engadida para os gandeiros/as que supón a actual pésima asistencia telefónica, así coma o feito de de ter que dar unha interminable listaxe de datos e ter que volver repetilos cada vez que se produce un novo incidente na mesma finca ou explotación.
- A necesidade de incluír as explotacións de horta profesionais e que non están cubertas porque as ordes inclúen como requisito que reciban axudas da PAC e este tipo de actividade queda excluída deses fondos.
- Poñer fin á arbitrariedade dos cultivos que poden ser indemnizados.
Proposta 8. Reverter a actual política de sulfatado, pola vía da inmediata prohibición do uso non agrario de herbicidas con Glifosato en todo o termo municipal. Aposta decidida por métodos mecánicos e/ou térmicos non contaminantes, que non danen a saúde nin o medio ambiente. Uns métodos, que xa se están a aplicar na maioría de países da Unión Europea e que teñen, ademais, un maior potencial en termos de xeración de emprego.
Concellos como Ames, Ponteareas, Marín, Arzúa, A Coruña ou Santiago xa se declararon libres deste herbicida. Vilalba será o seguinte.
Proposta 9. Control municipal ao respecto da recollida dos plásticos do silo. Fin do deixamento de funcións, en relación coa situación de incumprimento sistemático da normativa municipal.
O Goberno Municipal é o encargado último de velar por que os plásticos de uso agrícola se depositen nos puntos especificamente habilitados e actuaremos nese sentido, escoitando e dialogando coa veciñanza das parroquias e facilitándolle, de ser preciso, unha alternativa de recollida.
Ola., un muy bo e bonito programa, ojalá se poida levar a cabo. As propostas son magníficas habría que apostar por elas a ver si nos concieciamos que hai que cambear moitas cosas, ÁNIMO E A traballar