A medida permitiría dar cumprimento á lei de memoria histórica ao tempo que homenaxearía aos vilalbeses que formaron parte dunha institución clave na defensa do noso País, da nosa cultura e do noso idioma.
Vilalba Aberta defenderá no Pleno Ordinario desta tarde a substitución do nome da rúa Óscar Nevado Bouza polo de Rúa das Irmandades da Fala. Unha proposta, que se encadrada no o centenario da Institución, sendo precisamente a Irmandade de Vilalba e a iniciativa de Lois Peña Novo, unha das primeiras en se constituír.
O grupo, formado por vinte e dúas persoas das cales catro eran propietarios, un indiano/banqueiro, seis comerciantes, un farmacéutico, un médico, catro avogados e tres estudantes universitarios; contaba entre os seus membros cos irmáns do convocante, o director do Heraldo de Vilalba, Antonio García Hermida ou Jacobo Mato Vizoso, que resultou elixido presidente da primeira directiva.
Neste sentido, cremos que este feito merecería que no Concello se rendese homenaxe á Irmandade da Fala de Vilalba e ás persoas que formaron parte dela, pois a defensa da Galiza, da súa cultura e do seu idioma foron os eixos principais da súa actividade e a súa razón de ser.
Ademais, a medida permitiría dar cumprimento á lei de memoria histórica, pois figuras como a de Nevado Bouza pouco teñen que ver nin con Vilalba nin co compromiso que os vilalbeses/as manteñen cos valores da democracia e do cumprimento dos dereitos fundamentais do ser humano, ao tempo que honraría aos vilalbeses que formaron parte dunha institución clave na defensa do patrimonio común dos galegos e as galegas.