A nosa asemblea recolle así a indignación que se deriva dunha probelmática que denunciamos xa na sesión ordinaria de Xaneiro e na que o Alcalde afirmou o limitado da súa utilización.
Vilalba Aberta defenderá no Pleno do vindeiro luns unha moción de reprobación contra o Alcalde a fin de dar resposta á indignación que, tanto a pasada semana dende a vila coma esta dende parroquias coma Noche, Goiriz ou Román, un bo número de veciños e veciñas nos trasladaron froito da política de fumigación indiscriminada que está a levar a cabo o Goberno Municipal.
Unha problemática, que a nosa formación xa denunciou na sesión ordinaria de Xaneiro e na que o compañeiro Modesto advertiu en reiteradas ocasións aos membros da bancada popular do perigo que, tanto para a veciñanza coma para a medio ambiente, estaba a carrexar a utilización de herbicidas con Glifosato.
Falamos novamente, pois, dun produto que está a envelenar por igual tanto nas zonas onde se subministra na contorna urbana coma nas que se está a espallar polas parroquias e que, logo de que o Alcalde argumentara fai cinco meses o limitado da súa utilización, son precisamente os veciños e as veciñas destas os que pola vía das probas e as testemuñas fotográficas están a revelar a vergoñenta realidade.