O edificio, situado na Rúa Cuart de Poblet e construído orixinariamente para albergar vivendas de profesores, conta na actualidade con seis vivendas, das cales tan só dúas están habitadas.
Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de tomar a iniciativa a fin de que a vindeira titularidade pública do inmoble se concrete nun uso de aluguer social e/ou de emerxencia habitacional.
Logo de que a corporación acordara por unanimidade no pasado Pleno de Maio dirixirse á Xunta para continuar coa desafectación, o Concello atópase neste intre a piques de rematar cos trámites relativos á adquisición dun edificio orixinariamente construído para albergar vivendas de profesores na rúa Cuart de Poblet e que na actualidade conta con seis vivendas, das cales tan só dúas están habitadas.
Unha vez que o edificio pase completamente ao Concello, as posibilidades, polo de agora sen concretar, son variadas. Mais as declaracións do Alcalde, relativas á non urxencia dunha decisión neste senso, constitúen para a nosa asemblea unha base de preocupación, en tanto que son tamén variadas as problemáticas e as situacións concretas ás que moitos veciños e veciñas se están a enfrontar e son precisamente os Concellos, como administración máis próxima aos cidadáns e coñecedores por iso dos problemas, necesidades e demandas da súa veciñanza, os que teñen a obriga de actuar no marco das súas competencias para corrixir a preocupante situación de desamparo nas que se atopan miles de familias, asfixiadas polo paro e por unhas débedas que esta crise, da que non son responsables, converteron en inasumibles.
Neste sentido, dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de tomar a iniciativa a fin de que a vindeira titularidade pública do inmoble se concrete nun uso de aluguer social e/ou de emerxencia habitacional, co obxectivo de ofrecer unha saída respectuosa a un dereito fundamental como é o do acceso á vivenda, cuns baremos que respondan ao interese social de protexer ese dereito para todos os veciños e veciñas cuxos ingresos sexan incompatibles con un proxecto de vida digno, isto é; parados/as de longa duración; familias con todos os seus membros en paro, menores, persoas con diversidade funcional ou maiores de 65 ao seu cargo; mulleres e nenos/as vítimas da violencia machista, etc…
Un plan de rescate social, incluído no noso programa e do que a vivenda é soamente un dos eixos de actuación, co fin de dar unha oportunidade a todos eses veciños e veciñas que, agora máis que nunca, requiren da nosa axuda para saír adiante.