A posta en funcionamento da vella gardería, o aluguer social dos inmobles de titularidade pública deshabitados ou o procedemento de regularización catastral, as prioridades para Vilalba Aberta.
Disparidade de visións e antagonismo ideolóxico entre dous proxectos de Concello que en pouco máis de dous anos e medio se voltarán a atopar de fronte.
O compañeiro Modesto reuniuse na mañá de onte co novo Alcalde, o popular Agustín Baamonde a fin de transmitirlle en nome de Vilalba Aberta o conxunto de actuacións que ao xuízo da nosa asemblea debería abordar o Goberno Municipal nos vindeiros meses de lexislatura.
Unha primeira toma de contacto, na que axiña se revelou a disparidade de visións froito do antagónico de dous proxectos de Concello e de dúas ideas de Vilalba, que en pouco máis de dous anos e medio se voltarán a atopar de fronte coas veciñas e veciños coma o máis supremo dos xurados, nas vindeiras eleccións municipais de 2019.
O primeiro e máis prioritario dos temas e ser posto enriba da mesa por parte do noso voceiro, non foi outro ca o relativo á falta de prazas na escola infantil. Unha problemática que está a afectar a máis de 40 familias do Concello e á que Baamonde recoñeceu unha longa e dificultosa solución, logo de recriminarlle o compañeiro Modesto o anuncio de apertura de vella gardería por parte Criado a tan só un par de semanas das eleccións ao Parlamento de Galiza.
A este respeito, e logo de aseguraren dende a Alcaldía que a vella gardería funcionaría durante un curso baixo titularidade municipal, aínda que sen unha xestión directa realizada polo Concello, para logo pasar a integrarse na rede de escolas infantís da Xunta, seguimos a denunciar a ausencia de prazos e respostas para as nais e pais afectados.
A seguinte cuestión en ser tratada por parte do noso compañeiro, foi a do actual estado dos trámites relativos á adquisición dun edificio orixinariamente construído para albergar vivendas de profesores na rúa Cuart de Poblet e que na actualidade conta con seis vivendas, das cales tan só dúas están habitadas.
Neste senso, o noso concelleiro urxiu a Baamonde a que a vindeira titularidade pública do inmoble se concrete nun uso de aluguer social e/ou de emerxencia habitacional, co obxectivo de ofrecer unha saída respectuosa a un dereito fundamental como é o do acceso á vivenda, cuns baremos que respondan ao interese social de protexer ese dereito para todos os veciños e veciñas cuxos ingresos sexan incompatibles con un proxecto de vida digno, isto é; parados/as de longa duración; familias con todos os seus membros en paro, menores, persoas con diversidade funcional ou maiores de 65 ao seu cargo; mulleres e nenos/as vítimas da violencia machista, etc…
O procedemento de revisión catastral que alcanzará, ademais dos da vila, á maioría dos veciños/as das parroquias, en tanto que o límite para o valor das leiras rústicas se verá excedido logo da actualización, e as consecuencias directas que terá para os fillos e fillas dos gandeiros e agricultores locais, relativas ao endurecemento ou inclusive á imposibilidade do acceso ás bolsas de estudos do Ministerio de Educación, foi argumentado polo compañeiro Modesto na mesma liña cá sostida fai arredor dun ano no seu debate en sesión plenaria.
En concreto, invitou cara a cara a Baamonde a ollar a convocatoria 2015 de bolsas de estudos (onde se delimita que para optar ás mesmas a suma dos valores catastrais das leiras rústicas da unidade familiar dividida entre o número de membros da familia non pode superar vos 13.130 euros por cada membro computable) para caer este na conta de cal é a razón pola que nos concellos onde rematou a revisión xa se deron casos de fillos de gandeiros que perderon a súa bolsa para curso 2015-2016. Acto seguido, reivindicoulle ao novo alcalde iniciativa a fin de que o Goberno Municipal asuma diante das familias afectadas o que as súas políticas están a provocar noutras administracións.
A deficiente iluminación tanto a saída da A8 na Magdalena, coma da rotonda da Grandisca, situada nun dos catro accesos ao Concello e confluencia coa autovía de Ferrol (AG-64), coa estrada das Pontes (LU-861) e cun dos accesos ao centro urbano e ao polígono industrial máis utilizados (LU-118); a posta en marcha do Consello Escolar Municipal para o vindeiro curso 2017/2018; a ameaza que supoñen os Tratados de Libre Comercio coma o recentemente aprobado CETA para as nosas denominacións de orixe, ou a democratización do noso rueiro, entre outros, deron paso a unha reargumentada declaración por parte do noso voceiro municipal, a fin de sensibilizar ao novo rexedor na imperante necesidade de protexer, defender e fiscalizar os dereitos dos animais, así coma de regular os dereitos e deberes dos seus propietarios e a propia convivencia entre os animais que viven na contorna urbana e rural e os seus habitantes. Unha materia pendente do alcalde saínte, e unha prioridade para unha formación de marcado carácter animalista como é Vilalba Aberta.
A xuntanza, pechouse cos debates xurdidos ao respeito da recollida de lixo nas parroquias, logo de varios días acumulándose a carón da estrada; da revisión dunha vez por todas do abusivo dalgunhas taxas modificadas na pasada lexislatura, e co da urxencia dun regulamento de participación veciñal que, xunto á agardada retransmisión dos Plenos Municipais, sitúe ao noso Concello nun, canto menos, razoable estado de normalidade democrática sobor do que proxectarnos cara un futuro ben distinto a un pasado de escurantismo e clientelismo institucionalizado.