Propoñemos a posta en marcha dun proxecto piloto, a desembocar na apertura dun procedemento de participación cidadá onde o conxunto das veciñas/os e comerciantes afectados/as poidan posicionarse diante das vantaxes e desvantaxes da experiencia.
Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de anunciar, co gallo do vindeiro Pleno Ordinario a celebrar este xoves, que defenderemos diante dos grupos con representación na Corporación Municipal unha proposta, a fin da peonalización selectiva do casco vello.
A iniciativa, elaborada logo dun traballo continuado ao logo das nosas diferentes xuntanzas, artellase en base á elaboración e posta en marcha dun proxecto piloto de peonalización selectiva, a por en marcha en fins de semana susceptibles dun importante incremento na afluencia de visitantes (pontes, festividades relixiosas, comezo do período estival, etc…)
Un primeiro paso, que incluiría un estudo previo por parte dos servizos técnicos do Concello e desembocaría na apertura dun procedemento de participación cidadá no cal, en base aos datos extraídos, o conxunto das veciñas/os así coma os comerciantes afectados/as poidan posicionarse diante das vantaxes e desvantaxes da experiencia, co fin de decidir se proceder ou non ao inicio dun Plan de Peonalización Selectiva, que de xeito definitivo veña a solucionar as problemáticas específicas ao respeito, así como a dar resposta ás continuadas queixas tanto de residentes coma de visitantes en base ao dificultoso que resulta transitar a pé pola zona vella.
Un feito, sen lugar a dúblidas, provocado por carecer esta – sobre todo nos días de máis afluencia – de espazo suficiente para ser compartido cos automóbiles, véndose o Concello na obriga de tomar medidas en varias ocasións para evitar maiores problemas.
A este respeito, remarcar que dende a nosa asemblea entendemos por peonalización selectiva a limitación de acceso a vehículos de motor que non pertenzan a residentes, persoas con mobilidade reducida, servizos de emerxencia, servizos municipais e carga e descarga, estando estes últimos, loxicamente, suxeitos a un horario, de por si, preestablecido.