Vilalba Aberta segue a facer públicas as diferentes medidas e propostas que darán forma ao seu Programa Electoral de cara ás vindeiras Eleccións Municipais.
Logo de presentarmos diante da veciñanza o noso Plan Municipal para o Retorno da Mocidade; vimos de dar un paso máis no noso compromiso co desenvolvemento económico e industrial do Concello de Vilalba, anunciando que vincularemos a execución da nova fase do Polígono Industrial á construción dun Espazo de Coworking, isto é: un espazo físico de titularidade municipal dirixido á promoción das iniciativas emprendedoras que combine a utilización de despachos co asesoramento na xestión empresarial e a prestación duns servizos comúns para cubrir as necesidades básicas de novas empresas durante os primeiros anos da súa vida, mediante o pago dun prezo público.
Porque ter unha oficina propia, cunha boa conexión a Internet e con todas as comodidades que se necesitan para traballar cada día é algo inasumible para moitos vilalbeses/as emprendedores, que se ven obrigados a montar a oficina nas súas propias casas. Diante desta demanda de sitios nos que fundar unha empresa propia, xorden os espazos Coworking, ou o que é o mesmo, unha alternativa económica ao aluguer dun local individual. Un concepto que revolucionou xa o emprego tradicional en numerosas vilas e cidades galegas e que importaremos ao Concello de Vilalba de gobernarmos a partires do vindeiro 26 de Maio.
A este respecto, no noso Programa recóllese tamén o importe mensual do prezo público que contemplamos e que sairá do resultado de multiplicar o número de metros cadrados do despacho autorizado, cos seus dous primeiros decimais, por 2 euros durante os doce primeiros meses de ocupación do despacho e por 6 euros a partir do decimoterceiro mes.
Na mesma liña, a iniciativa delimita que cando a persoa ou a maioría das persoas promotoras do proxecto empresarial ou da entidade mercantil que acceda a un despacho sexan mulleres, aplicaráselles unha bonificación do prezo público a abonar nun 20 % mensual. Esta bonificación ten como obxecto promover a iniciativa empresarial da muller e a igualdade de xénero, coa finalidade de contribuír á creación de emprego e á integración definitiva das mulleres, en situación de plena igualdade, na familia, na sociedade e no mundo laboral, o que, en definitiva, pode conducir á consecución dun crecemento económico inclusivo e sustentable.
COMPROMISO COA AMPLIACIÓN DO CHAN INDUSTRIAL
Na mesma liña, dende Vilalba Aberta anunciamos tamén o noso compromiso firme coa ampliación do Polígono, en base ao interese de varias empresas por asentarse no Concello e ao afán por conseguir que outras dean ese paso.
Tal e como lembraba na mañá de hoxe o noso Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, “Ao carón do Polígono hai 300.000m2 que lograron da Xunta a consideración de Área de Expansión de Galicia, o que nos permite non ter que abordar unha modificación das normas urbanísticas.”
A este respecto, lembrou, “Garantir a futura produtividade e evitar a compravenda de parcelas que logo non teñan actividade industrial nin comercial ou que, segundo se acabe de construír unha nave, o propietario/a a alugue a terceiros, sen que se poña en marcha ningún proxecto empresarial; será unha prioridade para o futuro Goberno Municipal que aspiramos encabezar”.
NEGOCIACIÓN DUN ACCESO DIRECTO DO POLÍGONO COA AUTOVÍA DO CANTÁBRICO
A negociación dun acceso directo do Polígono coa autovía, co fin de darlle un mellor servizo e incentivar que cada vez máis empresas fixen o seu centro de produción en Vilalba, é o outro aspecto a abordar.
A nosa condición de privilexiada encrucillada de camiños viuse reforzada pola construción da transcantábrica (A-8) e da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64). Unha realidade, que levou ao asociacionismo empresarial de Vilalba a solicitar un acceso directo coa autovía do Cantábrico. A medida, mesmo foi apoiada en Pleno, mais sen verse ningún avance ata o de agora. Vilalba atópase nunha inmellorable localización e hai que actuar nese sentido.
O meu paraben por iste interesantisimo proxecto , boa idea.
Ainda q xa sabemos q as locais non teñen nada q ver coas eleccions xerais, gustariame saber si a vosa candidatura se sinte mais achegada a podemos galicia ou as mareas, xa sei q a resposta non sera facil mais, xa me diredes.Grazas
Boas Alejandro. Nin á unha nin á outra. Respetamos que cada veciño/a que forma parte da asemblea vote, milite ou faga campaña por quen queira nas xerais; pero tentamos facer da independencia de Vilalba Aberta o factor diferencial que cremos, agarda de nós a veciñanza. Antes de cada procedemento electoral (xerais, autonómicas) decidimos en asemblea se facemos campaña por algunha candidatura ou non. Desta volta, e coa responsabilidade das Municipais tan preto, consideramos que non se daban as condicións para tomar partido. Aperta ben grande e grazas por comentar.