Vilalba Aberta seguirá a traballar por arrincar do Goberno Municipal a tan ansiada baixada no IBI, a fin de acadar a máxima bonificación contemplada pola lexislación no que respecta a todo ben proxectado de cara a actividade agraria.
O grupo parlamentar de En Marea trasladará á Cámara do País unha petición co obxectivo de que se redefinan os elementos do imposto adecuándoo a cada realidade e que se elimine o seu carácter retroactivo.
“Un procedemento inxusto, dirixido de xeito preferente sobre as rendas máis baixas e que está xa a afectar de cheo ao conxunto das veciñas e veciños de Vilalba”. Así definía o compañeiro Modesto Renda o procedemento de regularización de datos catastrais con aumento da carga impositiva do coñecido coma “catastrazo”, na rolda de prensa que sucedeu á xuntanza que na mañá de hoxe mantivo co Portavoz de En Marea no Parlamento Galego, Luis Villares.
O encontro, que permitiu a ámbolos dous voceiros por en común as experiencias de oposición diante do antedito procedemento, posibilitou por enriba de todo a unificación de sinerxías no tocante ás diferentes propostas que, tanto a nivel local coma autonómico, Vilalba Aberta e En Marea están a reivindicar a fin de deter o atraco que o conxunto da nosa veciñanza – nomeadamente a aquelas/os que sustentan propiedades destinadas á actividade agraria, de por si, vítima da propia parálise e falta de apoio dos gobernos municipal e galego – está a sufrir.
Unha actualización do IBI que non fai máis que aumentar o gravame para pendellos de leña e instalacións agrarias que xa non contan con actividade e que chegou ao noso Concello facendo pasar como manifestación de riqueza algo que realmente non é e en base a simples fotos aéreas que non distinguen unha lona dunha propiedade inmobiliaria.
Os afectados son persoas maioritariamente de avanzada idade que non teñen capacidade para recorrer perante os numerosos erros da Administración nestas revalorizacións e que viven nun contorno “onde as pensións soen ser a principal fonte de ingresos ou rendas agrarias que non son precisamente as máis elevadas” tal e como se encargou de recordar Villares diante das traballadoras/os da prensa alí reunidas.
Para o voceiro no Parlamento, o que hai detrás desta decisión é “un problema de financiamento dos municipios”, polo que reclamou “unha nova Lei de Financiamento Local que teña en conta as particularidades do rural galego” .
Nesta liña e ao tempo que dende Vilalba Aberta se seguirá a traballar por arrincar do Goberno Municipal a tan ansiada baixada no IBI, a fin de acadar a máxima bonificación contemplada pola lexislación no que respecta a todo ben proxectado de cara a actividade agraria; o grupo parlamentar de En Marea trasladará á Cámara do País unha petición co obxectivo de que se redefinan os elementos do imposto adecuándoo a cada realidade e que se elimine o seu carácter retroactivo.