Vilalba Aberta vén de rexistrar a que será a súa última interpelación ao Goberno Municipal na presente lexislatura. Unha pregunta ao Alcalde, en relación co destino das subvencións para a renovación e supresión das redes aéreas na área delimitada coma de “Rehabilitación Integral” do casco antigo.
Tal e como denunciamos, o acordo da comisión bilateral celebrada o 14 de Maio de 2012 e rubricado polo anterior rexedor, Gerardo Criado; a Ministra de Fomento; e o Presidente do Instituto Galego de Vivenda e Solo, en representación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; compromete ao Concello de Vilalba, en tanto que receptor das axudas, a “actuar coma xestor das actuacións, obrigándoselle a xestionar diante dos Organismos pertinentes e coas compañías subministradoras” a “renovación e supresión” dos anteditos cables.
Un acordo marco de financiamento das Áreas de Rehabilitación Integral do período 2011, no que as partes asinantes se comprometeron a establecer medidas específicas para cada unha das ARIS que se incluían no mesmo, coa participación do Concello de Vilalba.
Cunha participación dun 17,77% do Ministerio e dun 15,51 do IGVS, o abono da subvención a cargo do primeiro, prevíase, sería realizado directamente á Comunidade Autónoma de Galicia, quen a instancias do Instituto Galego da Vivenda e o Solo, procedería ao pago directo ao Concello, establecéndose o pagamento das axudas a cargo deste último, directamente ao Concello de Vilalba.
Entre os compromisos do acordo, delimitábase que, para a xestión das axudas, operaría o establecido na Lei Xeral de Subvencións e na Lei de Subvencións de Galicia, coma garante da transparencia das actuacións administrativas. 7 anos despois, a única transparencia que nos atopamos é a da presenza dos mesmos cables que antes do proceso de rehabilitación.