María Xosé Lamas Fernández
Dende aquel 8 de marzo de 1908 en que as mulleres socialistas do Lower East Side, en Nova York, organizaran unha manifestación en masa en apoio ao sufraxio igualitario, son abondosos os avances acadados; mais estamos moi lonxe aínda desa igualdade desexada, tal era a brecha existente entre os xéneros dende os primeiros pasos da humanidade. Por iso, seguimos en pé de loita permanente esixindo os nosos dereitos, pois imos cansas de só posuír deberes.
Xa na segunda década do século XXI, as mulleres seguimos soportando toda a carga dos coidados. Coidado do fogar, dos fillos e a parella; coidado dos maiores da familia; coidado tamén no posto de traballo, pois recaen sobre nós as tarefas da orde e a limpeza, da axenda e o desenvolvemento das actividades que, despois, os varóns fan súas sen aprecio do traballo previo. E, por máis, desempeñamos maioritariamente os traballos que van relacionados co coidado: empregadas de fogar, xericultoras, mestras, enfermeiras, auxiliares, secretarias…Relegadas sempre ao último plano, minimizadas, constituímos a viga transversal que soporta a humanidade.
Somos moitas xa as que nos preguntamos cando vai ser valorado o noso traballo, cando deixaremos de ser a sombra masculina. Pois aínda hoxe ten senso aquela antiga frase de que “detrás dun grande home, sempre hai unha grande muller”. Unha grande muller que lle permite dispor de tempo para realizarse como persoa ou profesionalmente; unha grande muller que non se reivindica nin esixe; unha grande muller que cala e se acomoda.
Vai sendo tempo de superar a diferenza salarial en igualdade de responsabilidades, de ocupar os postos directivos nas empresas de acordo coas capacidades e non co xénero, de dispor de compensacións económicas e sociais por traballar na casa, de paridade total en todos os ámbitos.
Quen coida, pois, de nós? Nós mesmas, erguendo as nosas voces todos os días para que á fin non sexa necesario celebrar o Día Internacional da Muller o 8 de marzo de cada ano.
María Xosé Lamas Fernández é mestra na educación pública, pedagoga e escritora. Veciña da vila, así coma da parroquia de Vilapedre; participa da asemblea de Vilalba Aberta dende a fundacional de Marzo do ano 2015.